Educación prevé aprobar a próxima semana o currículo definitivo de Infantil e "de forma progresiva" o resto

A Xunta responsabiliza ao Goberno central.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2022 | Actualizada ás 11:18

Comparte esta noticia

A Consellería de Educación prevé que a próxima semana se aprobe de forma definitiva o currículo escolar de Educación Infantil e, a partir desa data e "de forma progresiva", ir dando luz verde aos das restantes etapas.

Así o explicou o conselleiro, Román Rodríguez, en resposta a preguntas dos medios sobre os currículos definitivos, que se atopan pasando o último trámite requirido, o informe do Consello Consultivo.

Sobre esta situación, o conselleiro explicou que a Xunta leva "tempo advertindo" de que "o atraso na tramitación da parte" dos currículos que lle correspondía ao Ministerio de Educación "ía levar a que Galicia comezase o curso sen ter o seu parte do decreto definitivamente publicada".

Con todo, engadiu, a Xunta, en previsión desta situación, publicou "a mediados de abril" os decretos provisionais, para que profesorado, directores e editoriais "puidesen ir organizando o curso académico" que, dixo, está "marcado por unha aplicación caótica e improvisada da Lomloe". "O que fixemos foi pór en marcha os mecanismos necesarios para que o impacto desta aplicación tan atropelada fose o menor posible na organización do sistema educativo", resolveu.

PROFESORADO

Sobre a situación do profesorado, Román Rodríguez volveu a negar os recortes e defendeu que o curso comezará cunha cifra de docentes "moi similar" á do curso anterior e superior aos datos prepandemia.

Con iso, explicou que o ano pasado deuse unha "situación excepcional" que obrigou a "reestruturar os persoais", pero que xa se volveu " á normalidade". "Afortunadamente, pensamos que vai ser o primeiro curso postcovid practicamente normal", dixo o conselleiro.

Nenos e nenas entran ao CEIP Manuel Mallo de Nadela, durante o primeiro día do curso escolar 2021-2022
Nenos e nenas entran ao CEIP Manuel Mallo de Nadela, durante o primeiro día do curso escolar 2021-2022 | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta