Temas: RENFE TREN

Máis afluencia nos trens no primeiro día dos abonos gratuítos de Renfe

A estación intermodal de Santiago rexistra algo máis de afluencia que nos días pasados, pero segue marcada pola presenza de turistas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/09/2022 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

A aplicación dos abonos gratuítos de Renfe comezou este xoves 1 de setembro con normalidade nas estacións galegas, que rexistraron algo máis de afluencia que nos días pasados debido a usuarios que optaron por esperar ata este día para adquirilos. En calquera caso, seguen marcadas pola presenza de turistas.

Mentres, o día en que tamén arrinca a bonificación das viaxes recorrentes en autobús que fará a Xunta, a falta de información foi a nota predominante na terminal da capital galega, lugar onde se produciu o anuncio por parte do presidente galego, Alfonso Rueda. A intermodal compostelá acolleu así este primeiro día da gratuidade e os descontos: dun lado, numerosos estudantes facían cola nos despachos de billetes de Renfe e sobre todo nas máquinas de autoventa, ás portas do inicio do curso.

Do outro, o punto de información da estación de autobuses e os traballadores dos despachos de billetes das diferentes empresas lamentábanse pola ausencia de información. "A nós ninguén nos informou de nada", sinalan. "Supoño que haberá que ver na páxina web da compañía ou na da Xunta", apunta o persoal, consultado por Europa Press.

Este xoves, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde pola que se regula esta rebaixa, que se aplicará ás viaxes coa Tarxeta de Mobilidade de Galicia e a Tarxeta Xente Nova, incluídos aqueles bonos xa adquiridos con anterioridade.

CONTRA A INFLACIÓN

Co obxectivo de suavizar o impacto que a inflación está a ocasionar na cidadanía, os viaxeiros habituais dos servizos de proximidade e Media Distancia convencional viaxarán gratis, mentres que os usuarios frecuentes dos Avant e algúns servizos AVE terán un 50% de desconto, ao que se suma a rebaixa mínima do 30% nos abonos e títulos multiviaxe de cada cidade, que as comunidades puideron ampliar ao 50%.

En paralelo, en vésperas do 1 de setembro, o Executivo galego deu a coñecer que bonificará o 50% do billete nos bonos multiviaxe de autobús interurbano, así como do transporte na ría de Vigo e o tren de proximidade na área de Ferrol, tamén ata o 31 de decembro.

Renfe, que este mércores confirmou que xa emitira en Galicia uns 16.000 abonos gratuítos para os usuarios do traxecto do Eixo Atlántico, entre Vigo e A Coruña, tamén aproveitou a xornada para anunciar un reforzo nas prazas.

Pola súa banda, a ministra de Política Territorial e portavoz do Executivo, Isabel Rodríguez, indicou que o Goberno prevé estender a gratuidade nos abonos ferroviarios para o traxecto entre Santiago e Ourense, un traxecto cuxos usuarios poden beneficiarse do 50% de desconto aínda que non dos abonos gratuítos.

Colas nas máquinas de autoventa de Renfe, en Santiago
Colas nas máquinas de autoventa de Renfe, en Santiago | Fonte: Europa Press

Temas: RENFE TREN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta