San Sadurniño volve converterse en escenario de película coa VII edición da ChanfainaLab

O encontro de cineastas terá lugar desde este xoves e ata o domingo, 4 de setembro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

ChanfainaLab, un encontro de cineastas para poñer en valor o territorio do concello de San Sadurniño, regresa un ano máis á localidade cunha VII edición na que participarán "32 realizadores e realizadoras entre os 17 e os 74 anos".

Chanfaina Lab
Chanfaina Lab | Fonte: Archivo del Cortometraje Español

Esta experiencia audiovisual, que se estenderá na fin de semana do 1 ao 4 de setembro, ten como obxectivo que as persoas participantes graven unha película cunha duración de entre tres e cinco minutos e con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual.

"A ollada contemporánea sobre a paisaxe rural e as súas xentes, a emigración, a memoria histórica, o devalar do tempo, as diferenzas paisaxísticas e sociolóxicas entre as sete parroquias que compoñen o concello transforman San Sadurniño nun universo por descubrir", explica a organización nun comunicado. Nesta edición participarán figuras destacadas e con longa traxectoria no audiovisual xunto a valores emerxentes ou persoas sen experiencia, "pero coas mesmas ganas de contar e experimentar coa imaxe".

Ademais da parte creativa, o Chanfaina Lab volve ofertar obradoiros abertos ao público e proxeccións todos os días, presentados polos seus propios creadores, así como unha exposición sobre os 20 anos de "O bosque animado". Na mañá deste xoves xa tivo lugar a primeira das xornadas do evento na Casa da Cultura da localidade, onde se celebrou o taller 'De corte a corte', impartido por Fran X. Rodríguez.  Neste enlace podes per o programa ao seu completo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta