Os prezos dos autobuses do eixo atlántico terán unha rebaixa do 95% grazas a un novo desconto promovido por Monbus

O prezo do traxecto A Coruña-Vigo será de 0,64 euros, fronte aos 14,15 do billete sinxelo

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/09/2022 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

Monbus ampliará cun 45% o desconto do 50% que anunciou a Xunta para o transporte por autobús. Farao, segundo avanza, a partir do próximo martes 6 de setembro. Esta rebaixa, indica, "aplicarase nas relacións de tráfico máis relevantes do eixo atlántico, para aqueles usuarios que dispoñan do cartón de mobilidade de Galicia".

A compañía destaca que responde desta maneira "á iniciativa de distribuír abonos ferroviarios gratuítos en proximidades e media distancia", unha medida que Monbus considera "discriminatoria" fronte aos usuarios do transporte en autobús e "altamente prexudicial" para as empresas do sector.

O desconto que se establecerá a partir deste martes, explica, consistirá en aplicar un 45% adicional ao 50% anunciado pola Xunta sobre o prezo dos títulos de transporte que correspondía abonar aos usuarios con cartón TMG antes do 1 de setembro de 2022.

95% DE REBAIXA

Por tanto, os viaxeiros que utilicen o seu cartón de mobilidade nestas relacións de tráfico beneficiaranse dun 95% de desconto, resalta Monbus. Aplicada a rebaixa a unha viaxe A Coruña-Vigo, apunta, o prezo do traxecto será de 0,64 euros, fronte aos 14,15 do billete sinxelo.

Monbus defende que decidiu activar este desconto para "protexer" aos seus viaxeiros "máis fieis", que teñen, subliña, "o mesmo dereito que os usuarios de tren a gozar dun prezo reducido que os axude a enfrontarse á actual espiral inflacionista".

A empresa entende que a súa decisión responde tamén "á necesidade de amparar ao seu persoal de traballadores e evitar que un descenso de viaxeiros termine derivando en situacións de inestabilidade laboral".

Autobuses da empresa Monbus. MONBUS - Arquivo
Autobuses da empresa Monbus. MONBUS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta