Nais polo clima: "As crianzas son ecoloxistas por natureza, pero méteselles o consumismo con calzador"

Un grupo de nais galegas mantén viva a chama do movemento que naceu no 2019 para loitar por un futuro climático digno para a infancia de hoxe. O colectivo, que estará presente nas accións polo clima deste mes de setembro, fai un chamamento a outras nais que queiran unirse.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Ao abeiro das manifestacións polo clima impulsadas no 2019 por 'Fridays for Future' naceu un movemento de nais que procuraba reivindicar o poder da educación fronte á crise climática. Baixo o nome de 'Madres por el clima' rapidamente foron creándose diferentes nós por numerosas cidades do Estado ata crear unha gran rede de loita pola xustiza climática que camiñaba canda as reivindicacións da mocidade. Unha pandemia despois, o grupo galego 'Nais polo clima' mantense en activo e chama a máis familias a unirse á causa climática. Inés Pascual, unha das integrantes, explica como viven as crianzas o cambio climático e como involucrar a rapazada na loita contra esta crise. 

Encontro de Nais polo Clima
Encontro de Nais polo Clima | Fonte: remitida

Como nais, que vos levou daquela a xuntarvos e actuar?

Somos un grupiño de nais que nos coñecemos porque os nosos fillos e fillas van na mesma clase. Vimos que a inquedanza pola emerxencia climática tiña cada vez máis peso entre algunha xente e decidimos xuntarnos de xeito informal, nun pequeno grupo que se adapta moito á conciliación, porque tampouco queriamos entrar nos parámetros máis patriarcais do que é o activismo. Xuntámonos porque vimos a necesidade de facer algo para deixarlle aos nosos fillos e fillas unha terra onde se poida vivir. O núcleo máis activo do grupo estamos tamén na mesma ANPA do CEIP López Ferreiro de Compostela, e procuramos desde aí impulsar accións no eido climático. 

Que accións estades levando a cabo dende a ANPA?

Formamos unha avogalía de medio ambiente. As crianzas teñen un patio que é cemento puro, e a raíz da pandemia fomos moi conscientes da importancia de estar en espazos abertos e en contacto coa natureza, por iso intentamos intervir sobre os parios e reverdecelos. Conseguimos que se puxeran máis plantas e que se fixera unha horta para a explotación didáctica. Agora tamén estamos colaborando co Colecamiños, unha iniciativa municipal que procura impulsar outra forma de mobilidade entre as crianzas e que poidan acceder a pé aos centros escolares. Fíxose unha pacificación do entorno elevando pasos de cebra e facendo todo máis accesible. Pensamos que se o día a día das nenas pasa no cemento, ao final acabarán normalizando esa realidade, e non queremos que sexa así. 

Como lle explica unha nai á súa crianza que o planeta está inmerso nunha crise climática?

Hai moitas crianzas que se dan conta pronto, e agora máis, que ven todos os incendios que sufrimos e as ondas de calor. Os nenos son ecoloxistas por natureza, pero méteselles o consumismo con calzador. A través das series de televisión ou de toda a publicidade dirixida á infancia, créanselles necesidades que en realidade non son tal. Hai demasiada oferta para o que precisan. Eu, á miña filla de oito anos, procuro facerlle ver que todo o que non usa debe atopar alguén que si lle dea utilidade. 

Os nenos e nenas sufren tamén de angustia climática? Como se xestiona no ámbito familiar un tema que impacta tanto?

Penso que os nenos non pensan no futuro tan a longo prazo coma nós, pero coñecemos pais e nais que si sofren esa angustia e dalgún xeito, os fillos tamén poden vivila a través de nós. Haberá momentos nos que pensen que isto é algo moi serio, e son conscientes de que habería que facer un cambio radical que non se está facendo hoxe en día. Iso xera preocupacións: lembro que a miña filla me ten preguntado con tan só tres anos que iamos facer cando quedaramos sen auga. Nós sempre miramos de non caer no alarmismo e de pintar o futuro o mellor posible.

De que xeitos se pode involucrar ás crianzas na loita contra o cambio climático?

O máis importante é o día a día. Concienciando ao redor da necesidade da reciclaxe, de reducir o consumo de plásticos e o consumo en xeral. Está ben poñerse en contacto con algún grupo de intercambio para que as cousas teñan unha segunda vida no canto de estar mercando constantemente. O feito de poder ir ao cole cun grupo de nenos e non ter que coller o coche é algo que tamén lles fai ilusión. 

E con que dificultades adoitades bater á hora de transmitir esa educación ambiental aos vosos fillos e fillas?

Ás veces o propio entorno. A min créame un problema grande o exceso de regalos que ás veces se fai por parte da familia no Nadal, nos cumpreanos... E tamén na escola: hai profes que lles regalan chuches cnado rematan un exame, mentres ti estás procurando que leve unha merenda sen plástico e sen residuos... Hai bastante por facer tamén nos institutos, coas cafeterías... 

Que papel credes que debe xogar a escola nesa loita contra o cambio climático?

É esencial. Algunhas de nós tamén estamos involucradas no movemento Mestras polo futuro e están facendo un montón de materiais e recursos para tratar dende o ensino a emerxencia climática, pero notamos que moitas veces estamos demasiado centradas no currículum escolar. Estase dando moitísima prioridade á tecnoloxía cando é algo que está xerando moitos problemas de comportamento. Todo ese esforzo en formación tecnolóxica do profesorado nunca se fixo para un tema como a emerxencia climática ou para o tratamento da diversidade na aula. 

Gustaríache engadir algo máis?

Que o cambio climático é unha evidencia e que temos que abrir os ollos. Estamos acostumados a un ritmo insostible: traballar moito para gañar cartos, para gastalos en cousas que fixeron outras persoas traballando moito. Poderiamos consumir menos e facer nós mesmos moitos dos produtos que mercamos. Véndennos a idea da tecnoloxía salvadora, pero de aí non virá a solución. Queremos tamén facer un chamamento ás nais que queiran unirse, que serán benvidas. Sempre se aprende, e é importante levar esas aprendizaxes a outros ámbitos da vida como o traballo. O noso correo electrónico é: familiaspoloclimasdc@gmail.com, e tamén poden atoparnos no Telegram Nais polo Clima. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta