O FIC Vía XIV de Verín creou 60 empregos relacionados co sector audiovisual

Así o puxo en valor Carlos Montero, director do Festival, na clausura deste domingo 4 de setembro. Na intervención de Diego Lourenzo, tenente alcalde de Verín, referiuse á vila como unha “illa cultural” no sur de Galicia por "concentrar nos últimos anos a maior actividade das industrias culturais do sur da provincia de Ourense".

Por Galicia Confidencial | Verín | 05/09/2022 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

A gala de clausura da VII edición do FIC Vía XIV de Verín foi conducida pola xornalista local Esther Estévez e nela déronse a coñecer as curtas gañadoras desta edición do certame. “Un festival que conseguiu consolidar Verín no mapa galego de festivais cinematográficos, pois atópase plenamente integrado na rede autonómica de certames do sector”, sinalou durante a gala Carlos Montero, director do FIC.

Intervención do tenente alcalde na Gala de Clausura. Foto: Prensa FIC VIA XIV
Intervención do tenente alcalde na Gala de Clausura. Foto: Prensa FIC VIA XIV

O responsable do festival aproveitou para agradecer o apoio do Concello de Verín, principal entidade patrocinadora, da Deputación Provincial de Ourense, e tamén ás entidades privadas que colaboraron nun importante 35 % do financiamento total. 

ÉXITO DAS ACTIVIDADES PARALELAS E XERACIÓN DE EMPREGO

O director do Festival puxo en valor a completa axenda de actividades paralelas desenvolvidas durante toda a semana, entre outros espazos na Zona Roombo, que contaron cun gran apoio popular. 

Así mesmo, e en palabras de Carlos Montero, o festival "estase covertendo nunha plataforma impulsora do talento local audiovisual. Este ano, creou 60 empregos, principalmente locais e cualificados relacionados co audiovisual".

Intervención do director do festival na Gala de Clausura. Foto: Prensa FIC VIA XIV
Intervención do director do festival na Gala de Clausura. Foto: Prensa FIC VIA XIV

“Xogamos xa na liga adulta e adultos tamén se teñen ido facendo moitos dos mozos e mozas que comezaron a súa andaina profesional como voluntarios neste festival. Moitos deles hoxe convertidos xa en referentes do noso eido audiovisual. O noso festival crea canteira e estamos moi orgullosos disto”, engadiu Montero.

VERÍN, REFERENTE CULTURAL NO SUR DE GALICIA

Durante a súa intervención no acto, o tenente alcalde de Verín, Diego Lourenzo, referiuse á vila do Támega como unha “illa cultural” no sur de Galicia “con produtos coma este FIC Vía XIV que se consolidan como un referente de creatividade”. O representante municipal asegurou tamén que “a comarca de Verín concentra nos últimos anos a maior actividade das industrias culturais do sur da provincia de Ourense, por participación, por extensión xeográfica da súa comarca e por calidade e cantidade dos seus contidos”.

CURTAS GAÑADORAS

Dentro da categoria Nova, patrocinada pola Fundación Dentalnova, o traballo gañador foi The last day of patriarchy, dirixido por Olmo Omerzu, unha coprodución entre a República Checa, Eslovenia e Francia.Nesta mesma categoria, o xurado --conformado por Manolo Torrente, Elena García e Nora Sola-- concedeu unha mención especial ao filme Caballo de espuma, do español Juan Rueda.

Na categoria Horizontes gañou Vol de nuit, unha curta de 26 minutos de duración de orixe belga e dirixida por Kenan Görgun. E na categoria A Raia, patrocinada pola Eurocidade Chaves-Verín, foi merecente do premio a curta O teu nome é, un traballo con selo portugués dirixido por Paulo Patrício.

Finalmente, o Premio Especial do Público recaeu no traballo Rompente de Eloy, do director ligado a Verín Eloy Domínguez Senén.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta