Científicos descobren en Galicia un mineral inédito no mundo

Foi achado por investigadores da USC no Monte Ermelo, en Moaña.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/09/2022 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

Persoal técnico de investigación da área de Infraestruturas de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acaba de identificar no Monte Ermelo, no Concello de Moaña (Pontevedra), un novo mineral, ao que puxeron de nome 'ermeloíta'.

Ermeloíta, mineral identificado no Monte Ermelo, no Concello de Moaña
Ermeloíta, mineral identificado no Monte Ermelo, no Concello de Moaña | Fonte: Universidade de Santiago de Compostela.

As primeiras análises de difracción de raios X de policristal e monocristal, realizadas polos técnicos da Unidade de Raios X Inés Fernández Cereijo e Guillermo Zaragoza Vérez, revelaron que este mineral non se atopaba rexistrado en ningunha base de datos internacional, tratándose, por tanto, dun achado a nivel mundial.

Segundo sinala o responsable da Unidade de Arqueometría e Caracterización de Materiais da USC, Óscar Lantes, "en Galicia descubríronse, ao longo da historia, tres minerais", a morenosita, a cervantita e a bolivarita, todos eles achados na metade do século XIX. Con iso, a ermeloíta pasa a ser o cuarto mineral descuberto en Galicia e xa está oficialmente recoñecido pola International Mineralogical Association (IMA) como nova especie, sendo a súa localidade tipo o Monte Ermelo e o exemplar tipo o analizado desde a USC.

Tras o achado e baixo a sospeita de que se tratase dun novo mineral, o equipo completou as análises con técnicas calorimétricas, espectrometría de fluorescencia de raios X, espectroscopía Raman, ou análises Rietveld, entre outras. Así mesmo, realizouse unha análise complementaria de elementos químicos (EPMA) en colaboración cos investigadores José González do Tánago e Ramón Jiménez Martínez, da Universidade Complutense de Madrid e do Centro Nacional Instituto Xeolóxico e Mineiro de España-CSIC, respectivamente.

"Este descubrimento ten repercusións históricas por ser tan poucos os minerais que se descubriron desde Galicia e reforza a importancia que teñen as investigacións sistemáticas realizadas no campo da mineraloxía, en especial no contexto xeopolítico actual no que a necesidade de materias primas estratéxicas é crítica", engadiu Lantes Suárez.

O fragmento atopado é pequeno, polo que resulta complicado inferir posibles aplicacións industriais ou tecnolóxicas, aínda que non se descarta que a partir deste descubrimento sexa posible identificar esta especie mineral en ambientes similares noutras formacións xeolóxicas no mundo.

A aparencia do mineral é masiva, microgranular e de ton case branco. A ermeloíta é un fosfato de aluminio monohidrato, do grupo da Kieserita.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta