O BNG reclama información en galego sobre as bonificacións ao tren

Celebra a "rectificación" sobre os Avant.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/09/2022 | Actualizada ás 19:37

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha iniciativa para que o Goberno de España habilite información telefónica en galego (e no resto de linguas cooficiais) sobre as bonificacións do 100 % para viaxeiros recorrentes de tren, ademais da que xa se dá en castelán e catalán, á vez que celebrou a "rectificación" do Executivo e a extensión desas bonificacións aos trens Avant do traxecto A Coruña-Santiago-Ourense.

Néstor Rego
Néstor Rego | Fonte: BNG.

Tras o anuncio de que se implantarían os descontos e bonificacións en Proximidades e Media Distancia, Renfe habilitou unha liña telefónica de información, que "quedou saturada case de maneira inmediata" ante a alta demanda, e iso está "dificultado o acceso á información", segundo subliñou Néstor Rego.

Ademais, engadiu, esa liña está unicamente dispoñible en castelán e catalán, "o que impide a persoas falantes doutras linguas oficiais, como o caso do galego en Galicia, solicitar información na súa propia lingua, o que vulnera os seus dereitos lingüísticos".

Respecto diso, o deputado do BNG apuntou que Renfe é un organismo público, e que está regulado por lei o dereito das persoas a utilizar as linguas oficiais do seu territorio nas súas relacións coas administracións públicas. "Entendemos que o Goberno do Estado debe rectificar e habilitar a posibilidade de acceder á información telefónica sobre os bonos tamén en galego, mentres estes estean dispoñibles", subliñou Rego.

Por outra banda, o deputado nacionalista celebrou a "rectificación" do Goberno acerca da bonificación do 100 % aos viaxeiros usuarios do tren Avant na liña A Coruña-Santiago-Ourense, e recalcou que esta decisión é froito da "constancia na denuncia" por parte do BNG, "a única forza política que o pediu a través de iniciativas no Congreso" e con actos de protesta nas cidades afectadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta