Os encoros galegos teñen menos do 50% da súa capacidade, a pesar da choiva dos últimos días

A CHMS, onde os encoros teñen máis auga que hai un ano a pesar da seca, eleva a situación de prealerta a conca do Miño Alto

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2022 | Actualizada ás 16:23

Comparte esta noticia

Os encoros galegos xa almacenan menos da metade de auga que poden albergar despois de perder no últimos sete días un total de 42 hectómetros a pesar das precipitacións, aínda débiles, rexistradas nalgúns puntos da comunidade. Así, segundo os datos facilitados este martes polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, os encoros das dúas concas hidrográficas da comunidade están ao 49% da súa capacidade ao conter 1.821 hectómetros de auga, 42 menos que fai sete días.

En comparación co pasado ano, a demarcación Galicia Costa ten 28 hectómetros menos. En cambio, a Miño Sil almacena máis auga este ano a pesar do contexto de seca. Esta mesma semana de 2021, os seus encoros contiñan 1.373 hectómetros cúbicos de auga polos 1.443 do primeiro balance de setembro de 2022.

Así as cousas, as concas hidrográficas teñen un 13% menos de auga que a media da última década. Os encoros da demarcación Miño-Sil están ao 47,6%, con 1.443 hectómetros cúbicos de auga almacenada, 29 menos que a semana pasada. Pola súa banda, na conca Galicia Costa hai embalsados 378 hectómetros cúbicos, 13 menos que fai sete días e que representan o 55,3% do total.

CHMS: PREALERTA NO MIÑO ALTO

Por outra banda, este martes a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) informou que eleva a situación de prealerta por seca a conca do Miño Alto, na provincia de Lugo. Así, esta conca únese á do Sir Superior e Inferior, mentres que as zonas dos ríos Cabe e Limia continúan en situación de alerta. A única conca da demarcación en situación de normalidade é a do Baixo Miño.

"A falta de choiva provoca que esteamos ante o ano hidrolóxico máis seco da serie histórica 1980-2021; aínda que similares ao actual serían os anos 2002, 2005, 2011, 2012 e 2017, o que evidencia os efectos adversos do cambio climático" explicou o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga.

E é que as precipitacións rexistradas durante este ano hidrolóxico na demarcación Miño Sil son uns 42% inferiores á media histórica. En agosto, as choivas foron un 21% menores que a media. Con todo, como apunta a propia CHMS nun comunicado, os encoros da conca conteñen un 2,26% máis de auga este ano que en 2021, verán no que se produciu unha polémica entre a confederación e a Xunta polo baleirado de presas.

Así as cousas, un total de 44 municipios da demarcación rexistraron este verán problemas de abastecemento de auga, con restricións e traídas en cisternas. Así mesmo, resolvéronse 20 solicitudes de aproveitamentos temporais con captacións alternativas, a maior parte delas para uso gandeiro.

Percorrido do encoro con pouco caudal, a 26 de agosto de 2022, en Negueira de Muñiz, Lugo, Galicia (España). O encoro de Grandas de Salime, sobre a conca do río Navia, atópase no 44,74% da súa capacidade. Esta circunstancia deixa ver os muros d. Carlos Castro - Europa Press
Percorrido do encoro con pouco caudal, a 26 de agosto de 2022, en Negueira de Muñiz, Lugo, Galicia (España). O encoro de Grandas de Salime, sobre a conca do río Navia, atópase no 44,74% da súa capacidade. Esta circunstancia deixa ver os muros d. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta