Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/09/2022 | Actualizada ás 14:37
A Xunta de Galicia presentará este mes a súa estratexia para eliminar a Hepatite C en Galicia, tal e como anunciou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, este xoves. Na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, a directora xeral avanzou que a estratexia terá como obxectivo principal a redución da morbilidade e mortalidade asociada á enfermidade, "así como a eliminación da hepatite C como problema de saúde pública en Galicia", en liña co establecido pola Organización Mundial da Saúde.
Así, traballarase sobre tres liñas de actuación: o reforzo da vixilancia epidemiolóxica --que permita cuantificar a magnitude actual do problema--, a prevención primaria con programas e actuacións de promoción da saúde --para reducir a incidencia e o risco de exposición ao virus--, e na prevención secundaria para detectar e tratar máis precozmente as infeccións existentes.
Para Carmen Durán, e en base aos resultados de diferentes estudos, esta é a estratexia "idónea" para conseguir a eliminación da hepatite C, pasando ademais polo cribado das persoas incluídas nos grupos con maior risco de transmisión e combinado co cribado dos grupos de idade de maior prevalencia deste virus.
A estratexia contemplará ademais a procura activa de pacientes para facilitar o diagnóstico e tratamento dos casos de infección non detectados e de todos aquel non tratados ou non curados.
Tamén abordará melloras no proceso asistencial, como a redución dos tempos entre o diagnóstico e o tratamento, a mellora das porcentaxes de pacientes diagnosticados que inician o tratamento e o cumpren, e o seguimento dos pacientes que están a tratamento para verificar a obtención da resposta viral sostida.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.