Rueda sobre o inicio do curso escolar: "Vin algunhas protestas... pero foi tranquilo"

Nega que haxa recorte de profesorado "a pesar de que hai menos alumnos".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/09/2022 | Actualizada ás 15:06

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou a "absoluta normalidade" coa que comezou o curso escolar en Galicia, un dos máis tensos dos últimos anos tras as numerosas queixas e protestas de sindicatos, funcionarios, asociacións e anpas que denuncian recortes.

Alfonso Rueda e Román Rodríguez durante o inicio do curso escolar no IES de Lavacolloa
Alfonso Rueda e Román Rodríguez durante o inicio do curso escolar no IES de Lavacolloa | Fonte: xunta.gal

Rueda, que este xoves acudiu xunto co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ao CEIP Mestre Rodríguez Xixerei, en Lavacolla, para comprobar in situ o inicio do novo curso escolar, destacou que todo transcurriu con "normalidade a pesar das circusntacias novas", dixo en alusión a aplicación da Lomloe. "Certo que vin algunhas protestas, seguro que pola miña presenza, pero era minoritarias", engadiu.

Neste sentido, criticou aos sindicatos e dixo que as cifras que dan sobre a falta de profesorados e o peche de aulas "non son reais". "Hai 130 aulas máis que antes da pandemia e non é certo que haxa recortes en unidades escolares", salientou.

Con todo, confirmou que hai menos alumnado  "Se baixa o número de alumnado o que hai que facer é reorganizar o sistema, pero sen suprimir profesorado", insistiu ao tempo que suliñou que este mesmo ano hai unha nova convocatoria de 4.000 prazas.

Tamén o conselleiro de Educación, Cultura e Universidade, Román Rodríguez, destacou "a gran normalidade" coa que profesores e alumnos regresaron ás aulas no primeiro día do curso escolar en Galicia, que comezou para ao redor de 311.000 alumnos de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato.

"PREOCUPACIÓN" DO BNG ANTE O INICIO DE CURSO

O portavoz parlamentario de Educación do BNG, Manuel Lourenzo, ve con "preocupación" o comezo do curso escolar, que tivo lugar este xoves, ante os "recortes" de profesores para este ano.

"O que se atopan as familias é un ano académico con menos profesores, máis docentes impartindo materias das que non son especialistas, uns cocientes máis elevados, os currículos sen publicar e uns custos académicos sen precedentes", criticou Lourenzo. Desta forma, acusou á Consellería de Educación de "non" estar preocupada por liquidar a situación académica e "botar balóns fóra no canto de propor solucións".

Nesta liña, o portavoz fixo referencia a que na educación "están a seguir a mesma folla de ruta ao desmantelamento que a sanidade pública". Así, Lourenzo remarcou a posición do BNG en canto a materia de educación refírese, e demandou un "reforzo con máis de 1.000 docentes, reducións dos cocientes, bolsas anticrises, a redución do horario lectivo do profesorado, a gratuidade dos libros de texto e un reforzo do ensino público", á que se referiu como "o único que garante a igualdade de oportunidades".

O PSDEG CONDENA A SUPRESIÓN DE DOCENTES

A portavoz de Educación do Grupo Socialista, Noelia Otero, presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamar á Xunta que rectifique decisión de "suprimir 96 docentes en educación Infantil e Primaria no curso que comeza". Ademais, esixe ao Goberno galego que recupere o modelo de gratuidade universal dos libros de texto nos próximos orzamentos.

Censura a supresión de preto dun centenar de docentes despois de que a Xunta eliminase este curso 32 unidades de Infantil e outras 35 en Primaria, segundo o publicado no DOG, apunta. Denuncia que, "unha vez máis, para a Consellería de Educación priman unicamente os motivos económicos e mostran o constante deixamento co rural e co ensino público". Alerta dun recorte sistemático curso a curso que nesta ocasión afecta a Fene, Vila de Cruces, Marín ou Vilagarcía.

Denuncia que a eliminación de unidades deste ano sumar ao peche de máis de 200 escolas unitarias na última década "por decisión dun goberno que pecha ou integra centros de Educación Infantil sen ter en conta as consecuencias para as veciñas e veciños das localidades e pobos afectados".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Xancinho

Si, certo. Vese que os do Galiza Confidencial son multimillonarios grazas ás axudas da Xunta.... Igual tes que preguntar de onde sacan a pasta outros xornais do "aparato".... E xa non falo dos que levan anos comprados. Diso sabía moito Quintana e Jacinto Rey e saben tamén no Concello de Pontevedra e nalgunhas áreas da deputacións da Coruña e Pontevedra.

1 Galileo galiciano

É evidente o xiro ideolóxico deste dixital. Axudas económicas?