O PPdeG responsabiliza dos grandes lumes ao cambio climático e ás deputacións

Nacionalistas e socialistas critican a falta de medios e alertan das "debilidades" do actual sistema de loita contra os incendios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2022 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

O BNG e o PSdeG esixiron á Xunta un servizo "permanente e profesionalizado" para a loita contra os incendios forestais ante a "falta de medios" e as "debilidades" dun sistema que cuestionaron e para o que esixiron dotación de persoal e material. Fixérono na Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes e no debate de senllas proposicións non de lei, unha do BNG e outra do PSeG, que se debateron conxuntamente. Ningunha saíu adiante ao non contar co apoio dos deputados populares.

Na dos socialistas, pedíase que o Parlamento galego instase á Xunta a dar "os pasos necesarios para reformular" o servizo de prevención e defensa contra incendios e convertelo nun de "prevención de incendios profesionalizado, único e permanente". Na dos nacionalistas, pedíase tamén un servizo "único e profesionalizado" e "apto para todo tipo de emerxencias", sobre todo as rurais.

"Faltan medios", sentenciou a deputada socialista María del Carmen Rodríguez Dacosta, quen cualificou de "erráticas" as políticas da Xunta nesta materia e denunciou o "abandono" do rural. "Os montes non estaban preparados", sentenciou tamén ante a vaga de incendios deste verán.

"O modelo de defensa contra os incendios non se cingue á realidade do territorio galego nin á virulencia dos lumes", expuxo tamén nunha intervención na que reclamou un "dispositivo formado" e, para iso, entre outras cuestións, ampliar o período de contratación dos brigadistas.

UN "PRESTIGE INTERIOR"

"Un 'Prestige interior'", resumiu a deputada do BNG María Albert González sobre o sucedido este verán e comparando os incendios coa catástrofe marítima de 2002. "Falta persoal, hai unha lentitude na cobertura de vacantes", sinalou a parlamentaria nacionalista, quen asegurou que existen "moitos chiringuitos" e que isto resta eficacia ao funcionamento en materia de prevención.

"Non todos son de pirómanos", manifestou tamén. Como a deputada socialista, cuestionou que o conselleiro de MedioRural, José González, non comparecese no Parlamento galego pola vaga de incendios. "Cando vai a actos de propaganda", asegurou Carmen Rodríguez. "Témolo que escoitar pola televisión porque o conselleiro négase a acudir a este Parlamento", expuxo, á súa vez, a deputada nacionalista.

ARGUMENTOS DO PP

Pola súa banda, o deputado do PP, José Antonio Armada, defendeu a política da Xunta nesta materia e argumentou que a loita contra os incendios forestais é "cuestión" tamén das deputacións provinciais.

"Por que a de Lugo non asinou o convenio para a adquisición de medios mecanizados", preguntouse estendendo tamén esta pregunta ás da Coruña e Pontevedra, todas elas gobernadas por socialistas. "Houbo sitios rozados que arderon igual", engadiu vinculando en parte o sucedido ás condicións climatolóxicas e aos refachos de vento, así como ao cambio climático.

Un helicóptero que realiza labores de extinción no incendio forestal na Serra do Leboreiro, sobrevoa unha explotación gandeira, no parque natural de Baixa Limia e Serra do Xurés /  Rosa Veiga - Europa Press / Europa Press
Un helicóptero que realiza labores de extinción no incendio forestal na Serra do Leboreiro, sobrevoa unha explotación gandeira, no parque natural de Baixa Limia e Serra do Xurés / Rosa Veiga - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Os grandes lumes venhem por as seguintes causas: 1.- A nom existência de gando para comer a vegetaçom. Isto solucionava-se com ceivar vacas mostrengas e cavalos selvagens nos montes. 2.- Proibir a plantaçom de espécies pirófilas (eucalipto, pinheiros) e fazer plantaçons de espécies que mantenham a humidade do cháo (carvalhos, castanheiros, bídalos, etc…) É tudo isto é responsabilidade do governo galego; e dizer: do PP. Que está para governa a favor da oligarquia madrilenha, leia-se as fábricas de celuloses; ainda que signifique a desapariçom da terra que nos dá de comer. .