Temas: BNG ANA PONTóN

Pontón ve a Xunta como "unha terminal" do PP en Madrid e reclama "un plan de choque" contra a crise de prezos

O BNG ponse "ao servizo" dos galegos "para buscar unha saída xusta e galega" dunha crise "que non afecta a todos igual", afirma.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/09/2022 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ve a Xunta de Alfonso Rueda como "unha terminal ao servizo dos intereses" do PP en Madrid nun momento de crise que "non afecta a todos" os niveis da sociedade "por igual" e que, a xuízo da líder nacionalista, require dun "plan de choque" para evitar que "de novo a paguen os que menos teñen".

A líder do BNG, Ana Pontón, no Consello Nacional da formación fronstista
A líder do BNG, Ana Pontón, no Consello Nacional da formación fronstista | Fonte: Europa Press

A líder nacionalista pechou este sábado nun hotel de Teo o primeiro Consello Nacional do BNG dun curso político marcado por "un contexto moi complexo" e que deixa nunha situación "moi difícil ás maiorías sociais".

"A inflación é un imposto para quen menos ten. Nesta crise hai quen gaña moito mentres outros perden todo", aseverou Pontón, que criticou a "inacción" da Xunta para articular medidas ante este contexto de escalada de prezos que deixa a Galicia "cos peores datos de inflación" do Estado.

E é que, para Pontón, é "preocupante" a situación dunha Xunta que ve "a disposición" da "estratexia" do PP presididio polo exmandatario galego Alberto Núñez Feijóo para tratar de gañar nas próximas eleccións xerais.

"A Xunta está na estratexia de canto peor lle vaia á maioría dos galegos, mellor lle vai ir ao PP en Madrid. Galicia necesita un goberno que defenda os intereses dos galegos e non os do PP", resaltou antes de pedir ao Goberno galego que "se poña as pilas" e inclúa un "plan de choque" nos próximos orzamentos autonómicos para 2022 para atallar a crise de prezos.

Pontón cifrou este plan en 1.000 millóns de euros, que serían destinados a "rescatar" persoas vulnerables, financiar un programa de medidas para "salvar" os sectores produtivos e reforzar os servizos públicos, especialmente a atención primaria do Servizo Galego de Saúde.

DECISIÓNS "CONTRA AS MAIORÍAS SOCIAIS"

Para Pontón, esta nova crise é "outra radiografía de ata que punto as políticas centralistas prexudican a Galicia e fana retroceder", polo que incidiu na necesidade de "dar respostas á crise para as maiorías sociais", algo que, segundo o Bloque, non está a levar a cabo a UE.

"As sancións contra Rusia non paran a guerra e tampouco prexudican a Rusia; prexudican as maiorías sociais de Galicia e de Europa", aseverou antes de pór o foco en que se toman decisións "que van na dirección incorrecta" para pór fin a guerra en Ucraína e atallar os problemas que derivan na economía global.

Neste sentido, cualificou de "mazazo" para as economías familiares e os sectores produtivos a suba de tipos de interese anunciada esta semana. "Para as familias que non chegan a fin de mes, 100 euros pode ser a diferenza entre comer e pagar ao banco ou entre ter casa ou non tela", apostilou Pontón.

LIMITAR BENEFICIOS

Como primeiro paso para atallar os problemas nas economías de "as maiorías sociais" derivadas desta crise de prezos, o Bloque considera que os gobernos deben pór límites aos "escandolosos" beneficios económicos dos "grandes lobbies" da enerxía e da banca, que "se están forrando con esta crise".

Por tanto, demanda que a enerxía sexa considerada "un ben público co que non se pode especular" e que Galicia dispoña dunha empresa pública e unha tarifa eléctrica propia, así como que se articule un imposto á banca para limitar as súas ganancias en contextos de dificultades económicas.

"POSTUREO" CLIMÁTICO

Así mesmo, Pontón tamén cargou contra as decisións debuxadas pola UE e o Goberno de España para atallar os problemas de subministración de enerxía. "Todo o que se falou dunha transición enerxética xusta quedou en postureo", espetou.

Nesta liña, censurou que se receten medidas como "rebentar os montes e os fondos mariños" con muíños eólicos, regresar "ás centrais de gas e do carbón, que son as máis contaminantes" e "aproveitar esta crise para apostar pola enerxía nuclear".

Todo iso, sumado aos plans de limitar a circulación nas cidades a vehículos de baixas emisións que só poden pagar "os que teñen recursos", fai que, segundo Pontón, as medidas deseñadas polos gobernos europeos sexan "antisociais" pois "favorecen aos ricos".

PREVENCIÓN SUCIDIO

Por último, Pontón aproveitou a celebración este sábado do Día mundial da prevención do suicidio para pedir recursos e medios para facer fronte aos problemas de saúde mental en Galicia, a comunidade coa segunda maior taxa de sucidios do Estado.

Para iso, propuxo un plan de 21 millóns de euros nos próximos orzamentos da Xunta, á que acusa de deixar "en papel" e non aplicar a estratexia de prevención do suicido elaborada.

Temas: BNG ANA PONTóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Para chegar a conclusom que Galiza é umha colónia de Madrid e que a sua única política económica cara Nós seja a emigraçom e o saqueio dos recursos; nom fai falha o pensar tanto, está a olhos vista.