Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2022 | Actualizada ás 18:51
A Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (Agtamar), integrada na Unión de Profesionais Traballadores Autónomos (UPTA), denunciou que máis do 70% dos pensionistas autónomos perciben ingresos "moi por baixo" do salario mínimo interprofesional.
Nunha nota de prensa, a asociación detallou que a contía media das pensións de xubilación en Galicia do colectivo é de 713,03 euros, mentres que nas do réxime xeral a media é de 1.250,76 euros mensuais.
Por provincias, indicou que na Coruña a pensión media de xubilación dun autónomo é de 729,59 euros; en Lugo, 682,76 euros; en Ourense, 680,75 euros; e en Pontevedra, unha media de 736,88 euros. No caso da pensión media de xubilación de réxime xeral, a Asociación sinala que na Coruña é de 1.321,59 euros; en Lugo, 1.222,99 euros; en Ourense, 1.014,63 euros; e en Pontevedra, 1.275,79 euros.
En todo caso, a Asociación Galega de Traballadores Autónomos explica que "as alarmas non saltan pola baixa cantidade que perciben os homes" en concepto de pensión de xubilación, senón "pola situación que atravesan as pensións de xubilación das mulleres" que, segundo concretou, este mes situáronse de media en 696 euros, "238 euros menos que os autónomos homes e 430 euros inferiores ás que perciben as traballadoras por conta allea".
Neste sentido, indica que este é "o gran talón de Aquiles do sistema", xa que "foron moitas décadas nas que o 84 por cento do colectivo infracotizou e non sempre por necesidade". Unha situación que, engade, "cos prezos disparados e a inflación en dous díxitos", supón que os pensionistas procedentes do Réxime Especial de Traballadores Autónomos sexan "os xubilados pobres".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.