A atención á diversidade, a primeira vítima dos recortes denunciados no ensino

As reducións de profesorado abren gretas na educación ao alumnado con necesidades especiais, unha realidade "cada vez máis complexa, numerosa e que implica unha maior carga de traballo".

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O presente curso escolar deu comezo marcado polas protestas da comunidade escolar, ás portas de numerosos centros educativos e ante a Consellería de Educación, contra uns "recortes" nos cadros de persoal que afectan, segundo as cifras manexadas polos sindicatos, un total de 717 docentes. A Xunta de Galicia, pola contra, asegura que o ensino retoma a súa actividade con once profesionais máis que os rexistrados no ano anterior, mentres que a oposición a acusa de "absoluta falta de transparencia" e de "agochar" unhas reducións de profesorado que se sofren, sobre todo, nos primeiros niveis. 

Protesta contra os recortes no IES Punta Candieira, en Cedeira
Protesta contra os recortes no IES Punta Candieira, en Cedeira | Fonte: Plataforma veciñal

O certo é que o malestar no profesorado, familias e alumnado envolveu durante estes primeiros días a volta ás aulas, sobre todo naqueles centros educativos que se viron obrigados a anular o desdobramento de aulas, reducir a súa oferta de optativas ou reorganizarse sen os reforzos para as crianzas con necesidades especiais. Estes recortes denunciados pola comunidade educativa abren gretas nunha atención á diversidade "cada vez máis complexa, numerosa e que implica unha maior carga de traballo", explica o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello.

"NON DAN AS CONTAS"

É o caso do CEIP Amor Ruibal, en Barro (Pontevedra), onde se dá a situación dunha aula de 25 estudantes dos que un total de nove son casos diagnosticados con necesidades especiais de apoio ou problemas de conduta. Ante esta realidade, e tras anos de peticións, a Consellería de Educación aceptara un desdobramento en dous grupos que, segundo explica o director do centro, Rafael Ruibal, "funcionara moi ben e conseguira avances importantes moi constatables". Porén, no inicio deste curso, e tras unha redución de docentes de 27 a 24, o CEIP denuncia que "non dan as contas" para volver asumir esa segregación. 

Ruibal traslada que o desdobramento é "necesario" para "facer unha atención á diversidade de forma efectiva", pero demanda máis medios para poder acometelo. "Precisamos consolidar todos eses avances que se foron conseguindo con estas crianzas, e para iso ten que haber tamén unha modificación das ratios. A atención á diversidade non é eficaz nunha aula con 25 alumnos", destaca o director. A Consellería de Educación, pola súa banda, traslada a Galicia Confidencial que o conflito foi "analizado de xeito pormenorizado" e que o centro dispón de "persoal suficiente con dispoñibilidade horaria para realizar ese desdobramento", polo que insta o equipo directivo a "acometer esa organización", malia que o centro denuncia un "descadre" froito dese "recorte" de docentes.

Alumnado xoga no patio do colexio o día que arrinca o curso escolar en Galicia, no CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela. Carlos Castro - Europa Press
Alumnado xoga no patio do colexio o día que arrinca o curso escolar en Galicia, no CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela. Carlos Castro - Europa Press

Outro exemplo achégao o CEP Marcos da Portela de Monte Porreiro, tamén en Pontevedra, no que as familias veñen demandando que as políticas de inclusión e atención ás crianzas con necesidades especiais vaian acompañadas dos recursos suficientes para poder desenvolvelas. Neste caso, a loita de varias delas obtivo certos resultados e a Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra deu marcha atrás na supresión dunha das aulas de quinto de Primaria na que hai, cando menos, catro crianzas con necesidades especiais. Con todo, familias demandan un "apoio permantente e específico" para este alumnado, que na actualidade só conta cunha coidadora - a segunda delas ten que prestar reforzos noutro colexio - e con profesionais de apoio durante unhas horas dous días á semana. 

ATENCIÓN Á DIVERSIDADE EN PRECARIO

O alumnado con necesidades educativas especiais asociadas a discapacidades (auditivas, motoras, visuais ou intelectuais) ou a trastornos de conduta, personalidade ou do desenvolvemento representa o 2,8% do total e tan só o 20% está escolarizado en centros de educación especial, segundo o Ministerio de Educación. Atender e ensinar a estas crianzas supón "un esforzo enorme" por parte do profesorado nun contexto de "ratios abultadas" e de "escaseza nos cadros de persoal" que afecta en maior medida a quen está "na parte máis débil", denuncia Bermello, de CIG-Ensino.

O persoal especializado nos apoios educativos (Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe, Orientación...), segundo denuncia o sindicato, sofre "os primeiros recortes" e "non ten nin unha soa hora libre para exercer funcións de coordinación didáctica". No caso do profesorado que exerce as aulas ordinarias, CIG-Ensino tamén critica a situación de dificultade en que quedan: "atópanse con que deben traballar moitas máis horas para facer adaptacións curriculares porque non son quen de seguir o ritmo do curso ordinario e atender, á vez, as necesidades específicas deste alumnado", explica Bermello. 

Dende o sindicato denuncian, xa que logo, que a normativa da Xunta de Galicia sobre atención á diversidade queda en "papel mollado" se non se poñen a disposición dos centros os recursos humanos suficientes; e demandan, así mesmo, un cambio de óptica con respecto á importancia do persoal especializado. "Dende a perspectiva de Educación, todo o que supón un apoio é visto como un suplemento de gasto que está a maiores e que pode ser recortado. Mete man na atención á diversidade porque ten máis marxe de manora. Isto debe rematar", conclúen. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta