Chega a "revolución verde e azul" a Pontevedra

Iván Puentes anuncia unha gran estratexia para facer desta cidade un "referente internacional en infraestrutura verde, restauración de ríos e loita contra o cambio climático".

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 15/09/2022 | Actualizada ás 17:34

Comparte esta noticia

Pontevedra quere presumir de ser unha das grandes cidades "verdes e azuis" de Galicia. E, dentro deste obxectivo, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, presentou este xoves a súa estratexia para renaturalizar os ríos Lérez, Gafos e Valdecorvos e a Xunqueira do Alba, que os pontevedreses poderán coñecer a través dunha exposición itinerante.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, presenta a súa estratexia para renaturalizar os ríos Lérez, Gafos e Valdecorvos e a Xunqueira do Alba
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, presenta a súa estratexia para renaturalizar os ríos Lérez, Gafos e Valdecorvos e a Xunqueira do Alba | Fonte: pontevedra.gal

As intervencións inclúen obras destinadas a previr os riscos do cambio climático e evitar inundacións, como a creación dun sistema de lagoas de retención de augas no parque de Valdecorvos para evitar os asolagamentos en Padre Fernando Olmedo.  Entre as actuacións contempladas están a creación de ribeiras suaves e zonas de lecer para que a cidadanía poida ‘mollar os pés’ nas zonas do Pavillón dos Deportes e Rafael Areses e na Illa das Esculturas, así como a desconxestión do punto de encontro entre o Lérez e o Rons.

“Tralo progreso que supuxo o modelo de cidade peonil, chegou a hora de dar un paso adiante na estratexia de transformación urbana de Pontevedra. Chegou o momento da revolución verde e azul”. Así nunciou esta mañá na Illa das Esculturas Iván Puentes a súa ambiciosa estratexia para renaturalizar os nosos ríos, conectar o espazo urbano co contorno natural, e en especial co Lérez, e converter a este concello, tamén, en "referente internacional en infraestrutura verde, restauración de ríos e loita contra o cambio climático".

Un proxecto que se traducirá nunha vintena de actuacións, moitas delas en marcha e financiadas con fondos propios e procedentes de Europa, que suman uns 20 millóns de euros e que se enmarcan baixo a marca paraugas Pontevedra Flúe. “Pontevedra -asegurou o edil do PSOE- ten un modelo de cidade exitoso, premiado, recoñecido internacionalmente e que tende a ser replicado por moitas outras urbes españolas e estranxeiras, pero ese modelo debe evolucionar cara a un modelo que, ademais de reducir tráfico e gañar espazo peonil, sexa ademais referente internacional en recuperación do espazo verde e azul", indicou.

Este novo “modelo de cidade 2.0” baseado nos ríos e nos ecosistemas vencellados a eles, sigue, segundo Puentes, as pautas que marcan os fondos procedentes da UE, entre eles, fondos Next Generation. "Máis aló da rehabilitación da ponte do Burgo e da Illa das Esculturas, o Lérez foi quedando pendente, polo que é momento de abordar esa integración do río na cidade e de recuperar a conexión da cidadanía de Pontevedra co río Lérez", suliñou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pepe de los Palotes

Parece un gran proyecto. Iván Puentes parece que tiene buenas ideas y a Pontevedra le hacen falta buenos parques de referencia y más zonas verdes.