Pontón destaca o modelo Pontevedra na presentación de Jorquera como candidato na Coruña

O actual portavoz municipal preséntase como "alternativa" para dar "impulso" á cidade.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 16/09/2022 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou á formación nacionalista como un "modelo referente na xestión municipal", na presentación do seu actual portavoz no consistorio coruñés, Francisco Jorquera, como candidato á Alcaldía da Coruña.

Foi nun acto ante distintos representantes sociais nos que Jorquera indicou que o BNG concorrerá ás eleccións municipais como "alternativa" e co obxectivo de gobernar. "A Coruña necesita impulso e ambición", sentenciou.

Ademais, reivindicou a necesidade dun "proxecto de cidade" pra abordar cuestións como "a limpeza, a xestión de residuos, a mellora de liñas de buses...", citou, entre outros exemplos, ao cuestionar a xestión a este respecto do goberno local socialista. "Impulsar outro modelo de mobilidade para pór aos barrios no centro", sinalou tamén nunha intervención na que manifestou a vontade do BNG de gobernar e converterse nun "goberno local esixente con outros gobernos".

Ademais, na súa intervención, avanzou que agora se procederá á elaboración da candidatura "cun marcado perfil social", así como do programa do BNG para a cidade da Coruña "con diálogo da sociedade".

"O DELEGADO DOS VECIÑOS"

Mentres, Ana Pontón remarcou que, de ser elixido alcalde, Jorquera será o "delegado dos veciños". "Non da Xunta nin do Goberno", dixo cuestionando o papel a este respecto de rexedores do PP e do PSOE e o "servilismo a Ferraz e a Xénova".

"Non tolerará que o Estado condone a débeda ao porto e que aquí o paguen os veciños", engadiu sobre o futuro dos peiraos. "Ou que o Estado transfira o cárcere sen garantir a rehabilitación", apostilou sobre a antiga prisión provincial.

Ademais, puxo como exemplo da xestión municipal do BNG a cidade de Pontevedra. De Jorquera, manifestou tamén que é "unha alternativa clara para afrontar o declive destes anos" cun "proxecto novo" baseado no "diálogo e a ambición".

O candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, na presentación da súa candidatura xunto á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. BNG
O candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, na presentación da súa candidatura xunto á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta