O PSdeG denuncia que a Xunta "desviou 159 millóns" do fondo Covid para "fins descoñecidos"

O secretario de Organización dos socialistas galegos, José Manuel Lage, sinala que Galicia recibiu 418 millóns e que só dedicou 259 millóns para a loita contra a COVID.

Por Europa Press / Redacción | Santiago | 17/09/2022 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

O PSdeG denunciou este sábado que a Xunta "desviou 159 millóns" do fondo Covid a "fins descoñecidos" e anunciou que a próxima semana solicitará a apertura dunha investigación no Parlamento para que "todos os galegos poidan coñecer que fixo o PP cos fondos transferidos polo Estado para Sanidade".

En rolda de prensa, o secretario de Organización dos socialistas galegos, José Manuel Lage, sinalou que, segundo os datos publicados polo Consello de Contas, en 2020 "o Goberno de Feijóo desviou máis de 159 millóns de euros dos orzamentos de Sanidade que estaban previstos para combater a Covid 19 e dedicounos a outros fins absolutamente descoñecidos".

Así, detallou que Galicia recibiu no ano 2020 por parte das Estado transferencias para recursos sanitarios de varios tramos por un valor total duns 418 millóns de euros. Desta cantidade, continuou, "só dedicou 259 millóns de euros", polo que "deixaron sen dedicar catro de cada 10 euros que recibían para combater a pandemia".

"Que pasou con máis de 159 millóns de euros que o Estado lle transferiu a Galicia para reforzar a sanidade pública e para combater a pandemia? Desapareceron. Foron desviados a outros fins", clamou Lage.

Por este motivo, o PSdeG vai pedir que se abra unha investigación no Parlamento de Galicia para "coñecer con luz e taquígrafos por que faltan 159 millóns de euros nos orzamentos de Sanidade e foron desviados a outros fins". "Se cadra levámonos unha sorpresa", afirmou.

Ademais, Lage Tuñas demandou explicacións non só ao actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, senón tamén a Alberto Núñez Feijóo, xa que, criticou que "quen aspira a gobernar España, cando gobernaba Galicia, e en plena pandemia, desviou 159 millóns de euros da sanidade para dedicala a outros fins".

SITUACIÓN SANIDADE

Nesta mesma liña, lamentou que "o PP está a converter a sanidade galega nun buraco negro que deixa os centros de saúde sen médicos", mentres "destina o diñeiro da sanidade a fins opacos".

Así, denunciou que esta semana no centro de saúde do municipio lucense de Viveiro "de 10 médicos había só dous". "Falamos da Galicia real, a Galicia que todos os días acode ao seu centro de saúde e ve como se precariza e como se recorta o persoal sanitario", insistiu.

Tamén na cidade da Coruña, engadiu, a primeira cita co médico de cabeceira "aparecía para dentro de 13 días". Unha problemática que, asegurou, sucede de "unha punta a outra" de Galicia.

Por último, Lage Tuñas reflexionou sobre "por que faltan médicos ou enfermeiros" e concluíu que o PP cos fondos "que veñen para Sanidade non os dedica a este fin, senón que os dedica a outras cousas". "O que nos queda por saber é a que outras cousas. Iso é o que lle teñen que explicar aos galegos", sentenciou.

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, en rolda de prensa.. PSDEG
O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, en rolda de prensa.. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta