Máis alá das polémicas: isto é o que está detrás do traballo de influencer

A morte do tiktoker Charlie ou o caso de Borja Escalona nun bar de Vigo obriga a preguntarnos que se esconde baixo a profesión de creador de contidos en redes sociais

Por Patricia Otero | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O pasado 22 de agosto Carlos Sarriá, máis coñecido como Charlie, falecía aos 20 anos logo de loitar 4 anos contra o cancro. Charlie era moi coñecido en TikTok por publicar vídeos optimistas e onde trataba a súa enfermidade desde o humor. Ademais, tamén tiña un ton divulgativo para que a súa comunidade puidera entender mellor o que era o cancro. A súa morte provocou unha forte conmoción na rede social e, tan pronto se soubo a noticia, as súas publicacións e as redes sociais en xeral enchéronse de comentarios de ánimo e de agradecemento. De feito, moitos usuarios decidiron comezar a seguilo despois do seu falecemento, o que provocou que aumentara en varios millón o número de seguidores das súas redes. Pero o que nun principio quería ser unha homenaxe a un rapaz de deixou marcada a toda unha comunidade en TikTok, volveuse nunha profunda polémica que ensombreceu este momento.

Imaxe recurso dunha influencer - La Vanguardia
Imaxe recurso dunha influencer - La Vanguardia

Días despois da súa morte saíu á luz un chat de WhatApp dun grupo de influencers pertencentes á axencia NickName na que criticaban de maneira frívola e insensible o gran aumento de seguidores que conseguira Charlie, sen ter en conta que estaban falando dunha persoa que acababa de falecer. Algunhas das mensaxes deste chat eran: ‘Sendo obxectivo morrer non ten ningún mérito. Ser a noiva de alguén que faleceu, tampouco. En vida non conseguiron os seguidores que agora teñen tras a súa morte’ ou ‘da as vibras de que aquí un cómese un rosco currando a diario, que para crecer fai falta ser noticia basicamente'.

As redes sociais estouparon en canto souberon da existencia destas conversacións e criticaron duramente a aqueles influencers que participaron no chat, deixando de seguilos de maneira masiva e comentando nas súas publicación mensaxes cheas de críticas e odio.

Outra polémica recente foi a do youtuber Borja Escalona que, nunha visita a un bar de Vigo, ameazou á camareira de cobrarlle 2.500€ por non deixarlle comer gratis no local. O creador de contido entrou no establecemento mentres facía un directo e, cando a empregada lle pediu que pagara a consumición, este contestoulle que só comía en sitios “gratis” e que entón era el o que lle ía cobrar a ela por facerlle promoción.

Este acontecemento fixo que ao youtuber lle caeran unha gran cantidade de críticas e que o propio establecemento decidira denuncialo por todos os prexuízos que isto lle causou. De feito, o barullo foi tal que ata a propia plataforma Youtube decidiu borrar a conta de Borja na que subía contido, con 35.500 subscritores.

Estas son só dúas das polémicas que circulan día a día en relación aos creadores de contidos e ao seu traballo pero, que se esconde detrás da profesión de influencer? Como lle pode afectar unha polémica como esta? Hai certa obsesión coas cifras?

AÍNDA QUE TEÑAS MOITOS SEGUIDORES, NON ES INFLUENCER

Influencers é o nome co que se coñece a esas persoas que comparten contido de maneira recorrente en redes sociais. Grazas a iso, créase arredor deles unha comunidade de seguidores que consumen o que comparten. Pero, o director de marketing da axencia Mr Who, Óscar Cumí, enfeitiza unha cuestión que hai que ter moi en conta á hora de falar de influencers. “Non é só o concepto de influencer ter seguidores senón que denominamos creador de contido a quen ten a capacidade de persuadir a súa audiencia. Teñen unha comunidade que lles é fiel y son capaces de influencialos”. Polo tanto unha persoa pode ter millóns de seguidores nunha rede social e non ser considerado influencer porque os usuarios non interactúan con el.

Carlos Carbellido, director da axencia de influencers The Troop, tamén sinala que na maioría de casos a porcentaxe de persoas que se dedican unicamente a ser influencers é baixo e que ser creador de contido “non é unha casualidade”. “É o froito de moitos anos á dedicación de creación de contido de interese para o seu público obxectivo”, sinala.

Moitos destes creadores de contido forman parte de axencias que fan de intermediarios entre a marca e eles. Hai dous tipos: a de representación, que teñen un grupo de creadores de contidos aos que se lles asesora y se lle propoñen colaboracións con marcas; e as de marketing, que en función dos criterios de segmentación que necesita a marca busca e negocia libremente cos influencers que mellor encaixen. “Facemos de intermediarios entre a marca e o creador de contido para que a colaboración sexa un éxito para todas as partes implicadas”, resume Cumí.

AS CONSECUENCIAS DE ESTAR METIDO NUNHA POLÉMICA

Non hai día que non saia unha polémica relacionada con algún comportamento ou actitude de un influencer que cause polémica entre os usuarios das redes sociais. Pero iso pode ser moi grave para alguén que se dedica exclusivamente a crear contido para estas plataformas. Por exemplo, o caso de Borja Escalona foi moi comentado porque Youtube e Twitch non dubidaron en pecharlle as contas ante o barullo que se estaba causando. Carbellido advirte que “se che cerran as contas por un contido polémico ou nada ético supón a quebra do teu negocio”.

Cumí engade que “o máis importante é como actúan mentres está a crise de reputación” e que neste caso os verdadeiros fans son a clave xa que “son os que intentan defender ou pasar páxina”. Así mesmo, tamén comenta que no laboral esta persoa vai ver como se lle limitan as colaboración con marcas a curto prazo porque “ningún anunciante se vai querer asociar cun perfil que xerou polémica”.

Con todo, Carbellido si que indica que aínda que é “complicado” que alguén saia beneficiado dun caso así, si que se pode dar o caso porque “hai xente á que lle gusta a polémica e segue a persoas precisamente por iso”.

O ODIO NAS REDES SOCIAIS

Os creadores de contido están sometidos a un escrutinio constante nas redes e calquera cousa que fan pode ser motivo para recibir mensaxes de odio nas súas publicacións. Como di Cumí, “cando tes un hater é que xa es un creador de contido por capacidade de influencia, porque xa tes a alguén que lle molestas. Pero cando tes varios tes que prepararte”.

Carbellido, pola súa parte, fala do poder do anonimato que dan as redes e que empoderan aos usuarios para escribir todo tipo de comentarios que a cara a cara non dirían. “Queremos ser tan correctos que nos estamos pasando de censurar”, advirte o director de The Troop.

Pero recibir constantemente mensaxes de odio pode ter unha repercusión moi negativa naqueles que se dedican a crear contidos. Carbellido pon de exemplo como moitos influencers, como Dulceida ou Laura Escanes, tiveron que pechar as súas redes sociais durante unha tempada para preservar a súa saúde mental ante a gran cantidade de comentarios que recibían. “Non sabemos a repercusión que podemos ter para ben ou para mal en internet. Non sabemos a capacidade que se pode xerar de odio. Hai que ter coidado”, sinala Cumí.

ESTAMOS OBSESIONADOS COAS CIFRAS?

O chat de WhatsApp dos creadores de contidos que criticaban a Charlie por conseguir aumentar a súa comunidade unha vez falecido obriga a facernos a pregunta de ata que punto os números nos están volvendo persoas máis apáticas e faltas de sensibilidade.

Os dous expertos coinciden en que, non só os creadores de contido, senón que a poboación usuaria das redes sociais ten obsesión polos números e as cifras nestas plataformas. “Un dos problemas das redes sociais é que son unha forma de fomentar o ego. Vivimos nunha sociedade na que estamos pendentes dos likes. Esquecémonos de desfrutar do día a día, da realidade”, afirma Carbellido.

Na actualidade empregamos estas plataformas como un elemento de aprobación. “Cando publicas unha foto e non ten un like xérate ansiedade, porque iso significa un rexeitamento dos teus amigos”, explica Cumí. Por iso, o director de marketing de Mr Who reflexiona sobre a necesidade de educar aos máis novos para que a súa autoestima e seguridade en si mesmos non depende duns números nunha plataforma. “A mellor aceptación social é aceptarse a un mesmo primeiro”, finaliza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta