Denuncian discriminacións ao alumnado con discapacidade e piden garantir un curso escolar inclusivo

"Os centros educativos deben asegurar e promover a accesibilidade universal tanto física, como sensorial, comunicativa e cognitiva", sinala COGAMI.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2022 | Actualizada ás 13:14

Comparte esta noticia

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) reclamou que o novo curso escolar sexa inclusivo, "cunha educación que favoreza o desenvolvemento da personalidade, das capacidades e competencias" do alumnado con discapacidade e "respondendo as súas necesidades individuais".

Así, pediu que o sistema educativo galego asegure as condicións, actuacións, medidas, dotación de recursos, apoios e reforzos educativos para a educación inclusiva en todas as etapas, "incluídas as non obrigatorias". "Os centros educativos deben tamén asegurar e promover a accesibilidade universal tanto física, como sensorial, comunicativa e cognitiva", sinalou a entidade nunha nota de prensa.

Ademais, Cogami denunciou que lles chegan queixas de familias que aseguran vivir situacións discriminatorias no ámbito educativo e que, "para evitar máis incomodidades aos seus fillos, optan polo cambio de centro escolar".

Ante esta situación, a Confederación insistiu en que "non se pode volver repetir". Para iso, reafirmou que é necesario "consolidar unha educación inclusiva" que desenvolva o modelo social "cumprindo os dereitos humanos, que combata a exclusión, as malas prácticas na contorna educativa ou a ausencia e denegación dos recursos e apoios que as persoas con discapacidade necesitan".

Nesta mesma liña, sinalou que as institucións educativas son responsables de asignar os recursos necesarios para desenvolver unha educación inclusiva de calidade, ao implantar "medidas efectivas" que dean resposta ao alumnado con discapacidade".

Neno nunha escola
Neno nunha escola | Fonte: XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta