Galicia afrontará un outono de altas temperaturas tras o verán "máis cálido" rexistrado

A previsión para o próximos tres meses é que se manteña a tendencia con precipitacións "por baixo do normal".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 20/09/2022 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

Galicia rexistrou o verán "máis cálido" desde que hai rexistros, segundo datos achegados polo delegado da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), Francisco Infante, no balance destes meses e a presentación da predición para os próximos. Sobre estes últimos, e de cara ao outono, apuntou, en canto ás temperaturas, que hai "unha maior probabilidade de que sexan máis altas do normal".

"Extremadamente cálido e lixeiramente seco", resumiu sobre o sucedido neste verán cun xuño "húmido", un xullo "moi seco" e un agosto "seco". "O verán máis cálido da serie de datos", dixo en referencia aos rexistros que se teñen. En concreto, sinalou que "desde 1961 xullo foi o máis cálido da serie histórica", mentres que no caso de agosto foi "o segundo máis cálido, despois de agosto de 2003".

Sobre as máximas, citou a rexistrada o 14 de xullo en Ourense con 44,1 graos, "en plena onda de calor", mentres que sobre a mínima aludiu á de Beariz, con 1,4 graos o 26 de xuño. Deste mes, resaltou tamén os "13 días de treboadas".

En canto a xullo, cualificouno de "rechamante". "Entre os días 12 e 14 de xullo houbo unha marca de temperaturas", explicou, aludindo ao caso de Ourense en canto ás máximas. Das mínimas, dixo tamén que foron "altas, moitas veces por enriba dos 20 graos, o que chamamos noites tropicais". Esta situación afectou tamén as zonas costeiras e en localidades como Pontevedra chegouse a rexistrar unha mínima de 24,9 graos.

DÉFICIT DE PRECIPITACIÓNS

Respecto das precipitacións, indicou que foi "moi seco" cunhas treboadas no sur e que se desprazaron ao norte, así como raios "que ocasionaron os grandes incendios en Galicia". Sobre agosto, cualificouno de "seco" e de "moi seco" na provincia de Pontevedra, mentres que definiu setembro como "máis cálido do normal" nos primeiros días.

Por outra banda, destacou que "o déficit de precipitacións acumulado é do 35%". "Un déficit importante", recoñeceu Infante, quen sinalou que debería chover "un 30% máis do que é habitual" para saír da seca. Para aliviala, indicou que chegaría con que chovese "o normal" en outubro e novembro. No entanto, preguntado se foi este o ano co maior número de meses con seca, precisou que houbo outro período de seca en 2017.

PREVISIÓNS

De cara a este fin de semana, avanzou que se espera a chegada dunha fronte "non moi activa" o venres e que se prevé "algunha choiva o fin de semana", aínda que non "moi importante". Isto irá acompañado dun descenso de temperaturas que será máis significativo a próxima semana.

Para os meses de outubro, novembro e decembro, apuntou, en canto ás temperaturas, que "a probabilidade é que sexan máis altas do normal" con precipitacións "por baixo do normal". "Probablemente se manteña a tendencia do verán", precisou Infante para quen, sobre as situacións de alerta polo consumo de auga, apuntou que "todo dependerá de como se comporte este trimestre".

Arquivo - Praia en Sanxenxo. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Praia en Sanxenxo. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta