O PP fala no Parlamento de reestruturación do arrastre e a oposición acúsao de "política de despezamento"

O tres grupos aproban unha iniciativa para analizar a situación sociolaboral e económica desta frota

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2022 | Actualizada ás 16:05

Comparte esta noticia

A Comisión de Pesca do Parlamento aprobou este martes por unanimidade unha iniciativa presentada polo Partido Popular para analizar xunto co sector a situación sociolaboral e económica da frota de arrastre, un debate que se viu influenciado pola recente decisión da Comisión Europea de vetar esta arte de pesca en 87 zonas do Atlántico.

A iniciativa, presentada en pasado mes de xaneiro, lembrou a deputada popular Teresa Egerique, facía referencia á reclamación por parte do sector dun Plan de Restructuración, así como á "sobrecapacidad estrutural" da frota, o que levou a PSdeG e BNG a acusar ao PP de pretender levar a cabo unha "política de despezamento".

No seu defensa da iniciativa, a propia Egerique explicou que foi rexistrada en xaneiro, antes das últimas decisións da Comisión Europea, e busca ser "correa de transmisión" dunha petición do propio sector, a de sentar ás partes para analizar a súa situación.

"Agora, quizais, a prioridade é seguir loitando para que se dea a volta á decisión que se tomou por parte da UE, que vai condicionar e a desestablizar moito o sector pesqueiro", explicou a deputada popular, que reivindicou o peso do arrastre na pesca galega.

En outubro de 2021, lembrou Teresa Egerique, varias asociacións do sector remitiron unha carta á secretaria xeral de Pesca para mostrar a súa "fonda preocupación" pola situación do arrastre, "motivada, principalmente, pola sobrecapacidad estrutural da frota existente, a mala situación dalgúns dos stocks principais, a falta de rendibilidade, o incremento nos custos do combustible e a falta de substitución xeracional", recolle a iniciativa. Por iso, solicitaban un Plan de Reestruturación voluntario e con "orzamento apropiado de axudas á paralización definitiva".

En base a esta petición, a proposta do PP, que saíu adiante cunha pequena modificación aceptada ao BNG, reclama á Xunta que realice, en colaboración co sector e co Consello Galego de Pesca, "unha análise da situación sociolaboral e económica da frota de arrastre de litoral", que "permita determinar de forma específica as necesidades de actuación neste ámbito".

A OPOSICIÓN CRITICA A "POLÍTICA DE DESPEZAMENTO"

Desde o PSdeG e o BNG mostráronse de acordo con que se realicen estes estudos socioeconómicos para "ver que medidas pódense adoptar para afrontar os problemas do arrastre", aínda que cargaron contra o PP, acusándoo de propor unha "política de despezamento".

Neste sentido, a deputada socialista Patricia Otero instou a facer fronte común con "outras comunidades" que tamén teñen barcos de arrastre e apostou por "articular outras medidas para evitar unha decisión tan drástica" como o despezado de barcos, aínda que incidiu na necesidade de "axilizar mecanismos" se "chegado o momento, a paralización dos barcos é a única solución". "É triste que a única medida que expoña o PP sexa acudir xa aos despezamentos", dixo Otero.

Na mesma liña, o deputado nacionalista Daniel Castro asegurou que "falar agora dos despezamentos é moi pouco valente" xa que, considerou, sería "a pixota que se morde a cola": "pan para hoxe e fame para mañá". O BNG afirmou que "nunca estaría a favor da política de despezamentos", que considerou esta a opción "fácil".

Pola súa banda, na súa resposta, Teresa Egerique animou a PSOE e BNG a "ser valentes tamén en Bruxelas", xa que "as votacións dos verdes e dos socialistas" alí "non favorecen á pesca" galega.

O buque arrastreiro 'Baffin Bay', atracado no Porto de Vigo. AUTORIDADE PORTUARIA DE VIGO
O buque arrastreiro 'Baffin Bay', atracado no Porto de Vigo. AUTORIDADE PORTUARIA DE VIGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta