Visto para sentenza o xuízo no que Rafael Pillado reclama 370.000 euros a Navantia por exposición ao amianto

O que foi traballador do sector naval padece mesotelioma derivado do seu contacto con este material

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2022 | Actualizada ás 17:48

Comparte esta noticia

Un xulgado de Ferrol deixou visto para sentenza o xuízo celebrado este martes no que un extraballador da antiga Bazán, hoxe Navantia, Rafael Pillado, reclama 370.000 euros á empresa naval pública pola súa exposición ao amianto durante a súa vida laboral nos estaleiros de Ferrol.

O que fose un dos fundadores de CC.OO. en Galicia, militante do PCE e tamén un dos represaliados polos sucesos do 10 de marzo de 1972, onde morreron dous traballadores do sector naval durante unha mobilización obreira, estivo representado polo avogado Jesús Porta, nunha vista na que empresa non se presentou.

Minutos antes de iniciarse o xuízo, sobre un centenar de persoas concentráronse á entrada dos xulgados de Ferrol para apoiar a Pillado, seguindo o chamamento realizado por Asociación Galega de Vítimas do Amianto (Agavida).

RECLAMACIÓN INDIVIDUAL

Entre as persoas que quixeron estar neste xuízo, ademais de familiares e amigos do que foi tamén concelleiro no Concello de Ferrol, atopábase a avogada Cristina Almeida. En declaracións aos medios de comunicación antes de entrar a sede xudicial, Pillado detallou que "esta é unha reclamación individual que ten que ter carácter colectivo, en defensa de todas as persoas que poden estar afectadas o amianto".

En canto á reclamación económica, detallou que con ela buscan que "as empresas teñan conciencia do dano que sofren os traballadores", lembrando que no seu caso está diagnosticado desde principios deste ano 2022 dun mesotelioma, un tipo de cancro que afecta os pulmóns e do que xa está a recibir un tratamento oncolóxico.

Desde entón, asegurou, sofre "problemas para realizar algunhas actividades, para respirar e falta de apetito", e estimou que as persoas afectadas polo contacto co amianto na comarca de Ferrolterra, derivada da súa utilización nos estaleiros ata que se prohibiu, poden superar as 16.000.

Concentración ante os xulgados de Ferrol para apoiar ao sindicalista Rafael Pillado.
Concentración ante os xulgados de Ferrol para apoiar ao sindicalista Rafael Pillado. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta