O 29 de novembro imos tomar o Obradoiro

O 29-N, último sábado do mes de novembro, a Columna Galega das Marchas da Dignidade dará continuidade á loita encetada coa participación na multitudinaria manifestación estatal do 22 de marzo e logo de arrodear con éxito o parlamento do Hórreo a principios deste verán. O pobo galego desta volta tomará a Praza do Obradoiro de Compostela en consonancia con mobilizacións semellantes que se levarán a cabo noutras nacións e territorios do Estado Español como resposta á situación de precariedade que continuamos a padecer. Previamente o xoves día 6 de novembro haberá manifestacións nas sete cidades galegas para quecer motores baixo o lema “Camiñando cara o 29-N”. As razóns que nos botaron á rúa cando comezou este gran proxecto de unidade popular anticapitalista non só seguen vixentes senón que son aínda máis poderosas: Pan, Traballo e Teito.

Por Manolo Camaño | Vigo | 29/09/2014

Comparte esta noticia
Por outro lado, non podemos nin debemos deixarnos enganar polos novos escenarios da política como os xurdidos a raíz dos resultados das eleccións europeas. Esas coordenadas que vai trazando a vontade popular cos incipientes cambios de ciclo mediante a viraxe na dirección do voto ou a creación de plataformas cívicas de toda índole cómpre xestionalas desde dentro dos propios organismos, cortando de raíz os elementos oportunistas e combatendo calquera interese partidista ou escurantista do tipo que for. É certo que o golpe asestado ó bipartidismo e ó Réxime hai que valoralo como positivo,  tendo moito que ver con este movemento iniciado o 22-M. Pero o capitalismo ten unha capacidade colosal de se adaptar e de reconducir o sistema aínda que este estea, en falsa aparencia, indo a pique. Este sistema non morre só, hai que liquidalo.
 
Velaí temos o caso recente de Escocia, onde un ben recibido recoñecemento ó dereito a decidir foi perturbado pola inxerencia perversa das multinacionais petroleiras e do capitalismo mundial. Ós millóns de euros empregados na contracampaña sumáronselle as ameazas groseiras do goberno británico de quedaren fóra da libra e a andrómena de Durão Barroso relativa á subsistencia imposible fóra da UE. Por sorte, e mal que lle pesase ós EEUU, unha Escocia independente e republicana sería saudada polo BRICS nun panorama mundial que deixou xa de ser unipolar. Mais de momento ese lúcido voto  obreiro que avogou pola independencia non foi quen de acabar co bipartidismo do sector conservador e do partido laborista británico. Coas precaucións pertinentes, o “fracaso” (polo momento) do voto de clase escocés debe facernos reflexionar e convencernos aínda máis para fortalecer as nosas posturas ante un inimigo implacable que supera as nosas fronteiras e as do réxime borbónico. Nesta conxuntura apercíbese claramente o incuestionable valor que adquiren as Marchas da Dignidade dentro da paisaxe socio-política como factor determinante na rúa para asestar un golpe de morte ó bipartidismo sistémico español, sen desbotar tampouco outras estratexias de corte frontepopulista que noutros niveis se poidan e se deban ir xestionando. 
 
Por iso dicimos que o escenario de tendencia progresista aberto tralas europeas é un espellismo se non se condiciona a unha revisión autocrítica e, sobre todo, se non se articula en clave de unidade popular. Non nos podemos permitir ser cómplices do sindicalismo da patronal cometendo unha fraude á clase obreira e para as capas populares de Galicia e de todo o Estado que están a pedir a berros un cambio substancial das estruturas socio-políticas e socio-económicas. Por non falar abertamente dun cambio de sistema que é o que queremos nós e a idea coa que tratamos de persuadir un día tras doutro tanto nos espazos públicos como nos centros de traballo. Seguiremos a soster e a subliñar onde faga falta que non existen as solucións intermedias. A mentira da socialdemocracia xa tocou fondo. E ben o saben en zonas sensíbeis do Leste de Europa que foron das últimas en entrar na UE e son das primeiras en contemplar poder marchar. Ou como interpretar senón as enquisas naqueles lugares, como Hungría, onde se percibe unha tendencia crecente que volve apostar polo sistema socialista? Estamos diante, acaso, dunha mera deriva nostálxica? Do mesmo modo, velaí temos a temible resistencia anti-fascista na Ucraína que, lonxe de ter a cor das democracias occidentais, as milicias populares que combaten ó golpista Poroshenko enarboran, máis ben, a bandeira dos soviets mentres protexen cos seus propios corpos as estatuas dos líderes bolxeviques. Canta morriña, non? Pola contra, é precisamente a UE quen mantén, cumprindo o mandado do Imperio contra Rusia, a nazi-fascista Xunta de Kiev que acaba cometendo esas masacres indiscriminadas sobre a poboación civil. É esa actitude hipócrita a que fai da Unión Europea, e do goberno español en particular, estaren deslexitimados en materia internacional cando, na propia asemblea das Nacións Unidas, recoñecen impasibles o dereito de Israel a se defender mentres é o sionismo quen leva por diante 2000 vidas e quen somete o pobo palestino nese campo de exterminio que é a Franxa de Gaza. Son soamente dous exemplos da atrocidade á que pode chegar o imperialismo.
 
No noso ámbito son moitas as frontes abertas neste sistema en descomposición. A taxa de desemprego (en torno ó 22.3% segundo o Instituto Galego de Estatística), por moito que se manipule e se edulcore coas contratacións estivais, segue a ser unha lacra que atenta contra a dignidade de calquera persoa. Para quen aínda goza dun posto de traballo, a explotación laboral campa á vontade con salarios irrisorios, xornadas interminables, a eliminación de facto da negociación colectiva e o incumprimento xeneralizado da precaria lexislación laboral. Estamos ante unha realidade na que son os propios medios do réxime os que informan de que un 17.2 % da poboación do noso país está en risco de pobreza. Se o acompañamos da privatización progresiva dos servizos elementais fai que nos esteamos a atopar cunha situación dramática na que periga a única comida saudable do día da que dispón unha parte considerable do alumnado infantil. Con todo, e a pesar da preocupación amosada dende as ONGs, o presidente Feijó atrévese a cuestionalo.
 
Séguese a expulsar a clase traballadora das súas casas. Hai só unhas xornadas participabamos de forma activa na oposición popular a un desafiuzamento efectuado contra unha familia na parroquia de Aríns (Compostela). Cómpre brindarlles a estas persoas toda a solidariedade posible como a que procuramos trasladar ó colectivo de emigrantes no estranxeiro ou ó preferentista. Por sorte, a teimuda insistencia deste último levou nos últimos meses a acadar certos resultados para a xente estafada pola banca. E non esquezamos que se seguen a violar os dereitos democráticos máis básicos ou que temos unha mocidade que segue estando abocada á emigración forzosa ou a pagar unhas abusivas taxas na universidade. Non é de recibo que se continúe a lexislar en contra do interese do pobo e menos aínda que aquí non ocorra nada. Por se fose pouco, o Tratado de Libre Comercio (TTIP) axexa o futuro inmediato das nosas vidas.  Un proxecto superior nazi-imperialista que controlaría as nosas economías, o noso medio ambiente, os nosos recursos, a nosa alimentación e, en definitiva, a nosa liberdade. Ímolo permitir?
 
Por tanto, o próximo obxectivo será encher a Praza do Obradoiro en Compostela como o escaparate necesario no que reflectir ó unísono as distintas loitas conxunturais, locais e sectoriais que propicien a confluencia dunha maré humana de forzas anti-hexemónicas que faciliten un cambio real e auténtico. Fronte a esta realidade de excepcionalidade histórica onde os partidos do réxime executan as políticas da Troika, e diante dunha situación de emerxencia nacional, só cabe unha resposta valente e decidida como a das Marchas da Dignidade na que aínda teñen cabida todas as persoas e colectivos desexosos de acabar co Réxime saído da Reforma Franquista de 1978. Deben saber que aínda están a tempo. A Columna Galega comprácese, xa que logo, en convidar para o vindeiro 29-N a todo o pobo sen excepción, a tódolos sectores sociais agredidos e agrupacións de esquerda anticapitalista do carácter que foren. Facemos un chamamento a aquela xente que aínda non se sumou porque, hoxe,  a centralidade dialéctica da nosa soberanía nacional en clave proletaria e de masas pasa pola acumulación de forzas do pobo galego para, como mínimo, debilitar o sistema capitalista e, como máximo, para destruílo. Nesa perspectiva teremos máis cerca o noso lexítimo e ineludible dereito a decidir como nación, así como o modelo social e económico co que nos imos dotar. Daquela, coma sempre, nós optaremos pola independencia nacional e o socialismo.
 
Temos fe no que facemos porque cremos nas posibilidades da loita da sociedade civil. A clase traballadora galega que vinculamos a emancipación social coa nacional estaremos o 29-N no Obradoiro man a man con toda a xente que  entende que só a partir da suma de forzas poderemos acabar co drama que estamos a padecer, independentemente do seu perfil ideolóxico, político ou sindical. Marcharemos, máis unha vez, por Compostela os movementos sociais, o sindicalismo alternativo, as agrupacións políticas anticapitalistas á par que multitude de organizacións como as especificamente feministas, ecoloxistas, as que loitan contra a estafa bancaria, as xuvenís, as que representan o estudantado, o mundo da cultura..., seguíndomos a construir a unidade popular. E continuaremos a estar inequivocamente na mesma sintonía que camaradas como David Fernández, Diego Cañamero ou Sabino Cuadra cando sosteñen, sen os complexos propios do pensamento pequeno-burgués, que só apostando pola mobilización unitaria daremos derrubado o capitalismo e acadado os dereitos que como nación lles corresponden ós nosos pobos. A realidade histórica excepcional obriga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA