A reaparición de Beiras, cando o vello político volve ás andadas

O ex voceiro nacional do BNG e de Anova volveu saltar a area pública nos últimos días, tanto no eido comunicativo, como no eido político. As súas verbas seguen afiadas e a súa presenza no 40 aniversario do Bloque non deixou indiferente a ninguén. A USC tamén o homenaxeará pola súa defensa do galego na docencia.

Por Xurxo Salgado | Santiago | 20/09/2022 | Actualizada ás 21:56

Comparte esta noticia

"Que viene Beiras, que viene Beiras"... O veterano político e dirixente nacionalista volve saltar á esfera pública tras meses en barbeito. Beiras vén para falar do presente, pero sobre todo do pasado. Xa non é o Beiras ao que temían aqueles dirixentes populares que nos anos 90 berraban polas aldeas que o do Bloque podía ser un perigo para Galicia. Ese Beiras botouse ao monte tras a asemblea de Amio, hai doce anos, e desde entón ata hoxe, esa fuxida deparou algunhas alegrías, pero tamén moitas amarguras.

Xosé Manuel Beiras durante un mitin
Xosé Manuel Beiras durante un mitin | Fonte: Paco Gallego

O Beiras pasou de ser un exemplo para moitos nacionalistas e independentistas a converterse nun referente para certo sector da esquerda federalista española. Del falaron marabillas Pablo Iglesias, Íñigo Errejón ou Juan Carlos Monedero nos primeiros momentos de Podemos. Tamén Yolanda Díaz, a agora flamante vicepresidenta con Pedro Sánchez, que se aproveitou do tirón que o veterano dirixente nacionalista tiña en 2012 para sumarse ao carro da Alternativa Galega de Esquerdas (AGE).

AGE, o experimento de nacionalistas e federalistas da esquerda comunista española, conseguiu algo impensable ata aquel momento; sacar máis deputados que o BNG nunha plataforma que se montou ás presas para concurrir aos comicios do 2012. Detrás daquel primeiro escenario de AGE estaban incondicionais de Beiras como os veteranos nacionalistas Mario López Rico ou Luis Eiré "Palleiro", hoxe xa moi afastados da súa figura, pero tamén os "novos", Martiño Noriega ou Antón Sánchez, artíficies depois de Anova, agora xa en vías de extinción, e dos poucos "fieis" que aínda mantén.

AGE E PABLO IGLESIAS

Detrás dese teatro de AGE tamén estaba outra xente que aterrou directamente de Madrid. Entre eles, un que xa soaba nos círculos da esquerda madrileña polo seu programa "La Tuerka". Aquel home espilido e con coleta era Pablo Iglesias, que acabou en Galicia para asesorar á gran promesa do PCE de entón, Yolanda Díaz. Eran os inicios destes actores no gran escenario político.

Beiras nun mitin de AGE por Europa
Beiras nun mitin de AGE por Europa

Pablo Iglesias acabou liderando Podemos, logo pasou a ministro e vicepresidente e, tras erros propios e o que lle pasa sempre á esquerda de dividirse ata o infinito e a presión das "cloacas del Estado", acabou volvendo a facer o que máis lle gusta; "comunicar". Yolanda Díaz, que entrou de "número dous" de Beiras no Parlamento galego nese 2012,  pasou logo a deputada no Congreso español, de aí a ministra e, finalmente, a vicepresidenta. 

Un montou un partido e acabou case no máximo chanzo ao que pode aspirar un político. A outra, seguiu a mesma traxectoria que aínda non rematou. Pero, durante todo este tempo, que foi do Beiras?.

E APARECE BEIRAS

O "señorito da Reboraina", como lle chamaba algún dirixente e conselleiro do PP de Fraga para "picalo", pasou de telo case todo en política a estar case desaparecido da escena política e cun partido que fundou, Anova, ao borde da desaparición.

Quizais por iso, nos últimos días, o ex dirixente nacionalista volveu saltar a palestra pública. E, tras unha longa tempada en barbeito, apareceu estes días con entrevistas nos grandes medios do "sistema galego" que non deixaron a ninguén indiferente no mundo da esquerda e do nacionalismo. Nunha ataca duramente a quen ocupou os maiores postos de responsabilidade política do BNG nunha Administración pública, Anxo Quintana, ex vicepresidente da Xunta e, na outra, a Yolanda Díaz, a quen axudou a crecer nese teatro da política que era AGE.

Polo medio, tamén certas indirectas ao BNG, partido que axudou a fundar e, curiosamente, que o convidou ao 40 aniversario desa fundación. Unha celebración na que, ademais, participou activamente xunto con outros dirixentes políticos daquela época como Camilo Nogueira ou Encarna Otero. Tamén con Paco Rodríguez, o alter ego de Beiras no mundo nacionalista, e co que parece que non hai reconciliación posible.

Beiras estivo, participou e falou pouco. "Mellor así", apuntan ex dirixentes nacionalistas que o coñecen ben. O momento era o que era e sabe que no BNG aínda ten moita xente na súa contra, especialmente, da UPG, o sector maioritario da formación frontista. "Pero, no fondo, o feito de que participara no documental e nese acto indica que lle gusta que lle recoñezan o traballo que fixo no Bloque", indican. E, precisamente, por iso, e polo legado que ten aínda no nacionalismo galego, a nova dirixente nacionalista, Ana Pontón, quixo que Beiras estivera nesa celebración.

"Ao final o que se dividiu está condenado a xuntarse, aínda que as costuras sexan xa diferentes", indica outro ex deputado do BNG. E, quizais por iso, e porque Beiras tamén está nun momento existencial no que necesita tamén certo cariño político, o veterano dirixente está tentando arranxar, dalgún xeito, o que aconteceu hai dez anos en Amio. Por iso, entra paseñiño, aínda que distante, nas portas que sectores máis aperturistas do BNG lle están abrindo a el e aos quen aínda están con el.

No fondo, Beiras segue sendo un referente, un "animal político". E, a pesar de estar en barbeito, hai quen se lembra del en momentos difíciles. Quizais tamén por iso, o catedrático xubilado da USC, recollerá o xoves 21 de setembro o premio Luis Porteiro Garea  polo “seu labor activo a prol da lingua galega”, como profesor e, posteriormente, como catedrático e decano. Nese acto tamén estará facéndolle a loa, o tamén profesor Xavier Vence, ex voceiro do BNG, pero agora tamén afastado desta formación política.

Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, e Francisco Rodríguez, líder da UPG, cando os dous compartían militancia no BNG
Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, e Francisco Rodríguez, líder da UPG, cando os dous compartían militancia no BNG | Fonte: Kopa
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Martin

Supoño que si, que nese momento da vida un se preocupa polo que deixa tras de si pero...Nin sectores "aperturistas" (?) nin "regreso al futuro" que valla. Aquí pasou o que pasou e hai trens que marcharon da estación hai tempo. Non se entendería un "reincorporar" ós que se trabucaron coa súa estratexia. Lexítimamente probaron e exploraron as súas opcións, aproveitaron a súa oportunidade durante un tempo e despois pasou o que tiña que pasar. E xa está. Agora é outro momento e creo que deberían ter a humildade de recoñecelo.

3 mae mia¡¡

Co máximo respecto... ainda estamos así?

2 Xose Rios

O cómodo sería quedarse na casa, e máxime vendo como está o País.

1 Sentidiño

El-Rei emérito: no remate do seu exercicio desfixo o que construíra, desalentou a arela do pobo, denigrou as persoas que idealistamente o seguiran... Viva a república.