Por E.P. | A CORUÑA | 21/09/2022 | Actualizada ás 13:48
A Delegación do Goberno en Galicia replicou á Xunta que os prazos de pago e a contía destinada polo Estado polas bonificacións ao autobús autonómico xa están recollidas no Boletín Oficial do Estado (BOE).
Faino en resposta ás declaracións da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que o martes pedía ao Executivo central aclarar "canto e cando" vai trasladar ás comunidades autónomas a "financiacion" polas citadas bonificacións, tras asegurar que non tiña "información oficial".
Desde a Delegación do Goberno precisaron a Europa Press que "o propio decreto publicado no BOE para estas bonificacións xa establece no mesmo texto os prazos e a contía". En particular, lembra que se recolle unha subvención dun 30% das viaxes en servizos de transporte colectivo terrestre, xa sexa de competencia estatal, autonómica ou local, entre o 1 de setembro e o 31 de decembro.
Tamén recalca, sobre a transferencia do diñeiro, que se realizará "salvo circunstancias excepcionais, no último trimestre de 2022, para o que será habilitado un crédito extraordinario de ata 200 millóns de euros que se repartirá en función dos criterios obxectivos de demanda, de oferta ou de poboación que se desenvolvan reglamentariamente antes do 15 de xullo".
E é que sobre esta bonificación, que se elevou ao 50% coa achega da Xunta, a conselleira sostivo que a administración galega a financia a día de hoxe "integramente". "Un exemplo máis de que o Goberno de España convida e a Xunta paga", sentenciou Ethel Vázquez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.