Galicia "gañou co BNG" di Ana Pontón na presentación dun libro polo corenta aniversario da formación

De feito, para Pontón, o BNG conmemora o seu 40 aniversario "con máis forza que nunca" --coa marca propia de 19 deputados no Parlamento autonómico-- e co "mesmo" espírito co que naceu en 1982.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2022 | Actualizada ás 20:47

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, interveu este mércores na presentación do libro '40 anos ao servizo da Galiza. BNG, 1982-2022', do politólogo Manuel Anxo Fernández Baz, e reivindicou "con humildade pero con orgullo" que Galicia "gañou" coa formación nacionalistas.

"Moitos dos avances alcanzados neste tempo lográronse grazas ao pulo do BNG, man a man cos sectores máis dinámicos da sociedade galega", afirmou Pontón, neste acto celebrado no Auditorio Mar de Vigo.

A portavoz nacional do Bloque aproveitou a presentación desta edición que recolle os 40 anos de historia da formación para agradecer o labor de todos os militantes e simpatizantes durante catro décadas. Sen eles, dixo, "hoxe non seriamos a forza transformadora na que cada vez confían máis galegos e galegas para abrir un novo tempo neste país".

De feito, para Pontón, o BNG conmemora o seu 40 aniversario "con máis forza que nunca" --coa marca propia de 19 deputados no Parlamento autonómico-- e co "mesmo" espírito co que naceu en 1982: "Sempre ao lado de Galicia, defendendo os intereses dos galegos e as galegas, confiando no país e coa man tendida a toda a cidadanía que quere construír unha Galicia con futuro, con igualdade e con poder de decisión".

LIBRO

O libro que se presentou este mércores, editado pola Fundación Galiza Sempre, recolle os feitos históricos que marcaron o percorrido do BNG por estes 40 anos, desde os inicios electorais da formación frontista, converténdose en terceira forza política no ano 1983, unha posición que lle valeu ser a referencia do nacionalismo, o cal se consolidou na década dos 90 coa integración de máis formacións políticas.

Ademais, en 1997, o BNG logrou un éxito "sen precedentes" --como di textualmente o documento obra de Manuel Anxo Fernández Baz-- ao conseguir 395.435 votos, o 24,8 por cento e 18 actas de deputados na Cámara galega, por diante do PSOE de Abel Caballero, hoxe en día alcalde de Vigo. Ano, 1997, no que o Bloque tamén chegou por primeira vez a Europa con escano propio, o de Camilo Nogueira.

Desde o encarceramento en 1989 do histórico da UPG Francisco Rodríguez (acusado da queima dunha bandeira española en 1984, feitos que "nunca se puideron demostrar"), pasando pola "revolta" en Allariz protagonizada por Anxo Quintana, que foi alcalde e anos máis tarde alcanzou a vicepresidencia da Xunta e a década de "reflexión" que se abriu tras a asemblea de Amio en 2012, ata o novo teito electoral en escanos (19) das eleccións de 2020 con Ana Pontón á cabeza, obtidos con 311.340 votos, o 23,8% de sufraxios emitidos.

No documento tamén se repasan as 'loitas' sociais nas que se viu implicado o BNG, desde a defensa da sanidade pública, a feminista ou momentos tráxicos como o desastre do 'Prestige'. Tamén se lembra o accidente do Alvia en Angrois en 2013, ano no que o BNG suspendeu a súa manifestación o 25 de xullo polo tráxico suceso.

A líder do BNG, Ana Pontón, no Consello Nacional da formación fronstista
A líder do BNG, Ana Pontón, no Consello Nacional da formación fronstista | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta