Rueda cede ante Feijóo e anuncia que lle rebaixará máis o patrimonio aos ricos

Anuncia a ampliación ao 50% da bonificación do imposto de patrimonio. Pontón cualifica de "burla" e "pelotazo fiscal" a rebaixa do imposto e o PSdeG ve "decepcionante" a bonificación por beneficiar "aos máis ricos"

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 23/09/2022 | Actualizada ás 11:56

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que a Xunta ampliará a bonificación ao imposto de patrimonio, que pasará dun 25% ao 50% no orzamento de 2023, un anuncio que chega en pleno debate dentro do PP, cuxo líder, Feijóo, é partidario de suprimir este imposto que grava ás rentas máis altas. "Tomaremos decisións en materia fiscal", dixo sobre unhas contas centradas, avanzou, en "protexer a actividade empresarial e ás persoas". Ademais, destacou a fortaleza do país en materia enerxética xa que "exporta" enerxía eléctrica.

"Estamos a estudar outras medidas --en materia fiscal--, pero adianto que non subiremos impostos". "É moito mellor baixar impostos que subilos, non ten ningún sentido subilos", recalcou nun foro organizado por 'La Voz de Galicia' e no que pronunciou un relatorio sobre 'Competitividade e innovación para unha Galicia con máis certezas'.

"Estamos a acabar de terminar un orzamento serio ao que lle faltan variables importantes para acabar de pechalo", afirmou tamén en resposta ás demandas de información sobre o mesmo da oposición. Curiosamente, este xoves Rueda evitaba entrar nese debate e aseguraba non sentirse "presionado" por Feijóo.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na comparecencia posterior ao Consello de Goberno. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na comparecencia posterior ao Consello de Goberno. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

ANA PONTÓN

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de "burla" e "pelotazo fiscal" a rebaixa do imposto de patrimonio en Galicia e acusou a Rueda de estar "ao servizo" da dirección do seu partido en Madrid e de gobernar "para unha minoría".

"É unha burla que Rueda decida baixarlle os impostos aos 7.000 millonarios mentres as familias, a clase traballadora, as persoas autónomas non chegan a fin de mes", aseverou a líder nacionalista en declaracións difundidas aos medios tras coñecerse o anuncio do mandatario autonómico.

FORMOSO

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, cualificou de "decepcionante" comprobar que "a primeira medida fiscal" que adopta o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "ten que ver con beneficiar aos máis ricos".

"Estamos a falar de que lle vai a baixar os impostos ao 0,02% da poboación galega, mentres o 99% seguen esperando que esa rebaixa de impostos chegue no seu tramo de IRPF correspondente", declarou o secretario xeral dos socialistas galegos.

Así mesmo, engadiu que a cidadanía quere unha "política fiscal seria, pensada por e para Galicia e non para Génova e para os intereses dos baróns do PP".

"Galicia non debe estar supeditada ao criterio da presidenta da Comunidade de Madrid nin á Comunidade de Andalucía", puntualizou.

DESCENTRALIZAR OS FONDOS EUROPEOS

Na súa intervención, Rueda volveu a criticar a execución dos fondos europeos por parte do Executivo central. "A día de hoxe está a espertar máis incertezas que seguridades", manifestou tras rexeitar a xestión "centralizada" dos mesmos que, ao seu xuízo, está a supor, entre outras cuestións, "a incapacidade recoñecida para facer chegar os fondos ás pemes".

TRANSICIÓN ENERXÉTICA

No seu discurso, defendeu, sobre a situación económica, que "Galicia aprendeu a exportar en tempos complicados" e citou, en materia enerxética, que "o 74% da enerxía eléctrica que se produce en Galicia é de renovables, ese obxectivo está marcado na UE para o 2030".

VETO Á PESCA

Mentres, volveu a rexeitar un "ecoloxismo mal entendido" en alusión ao veto á pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico. Unha medida, engadiu, que "condena á ruína" ao sector. "A Xunta está a tentar defender os intereses da xente", engadiu pedindo ao Executivo central que recorre o veto de Bruxelas. "Entendo que hai que preparalo ben, ofrecemos toda a nosa axuda", apostilou.

ESCOTET APELA Á INNOVACIÓN

Antes interveu o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, quen apelou á "innovación" das empresas como "o factor diferenciador, que permite dar un salto cualitativo". Tamén aludiu aos retos existntes, entre os que citou o cambio climático, a aceleración tecnolóxica ou a procura da estabilidade dos mercados. "Galicia ten no conxunto de España unha especial solidez, un camiño percorrido e capacidade para sacar o mellor proveito dos fondos europeos e proxectarse como unha economía líder".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Rueda non renuncia: renunciamos todas a 34 millóns de euros, porque sobran residencias, sobra profesorado, sobran hospitais e centros de saúde,... Os pobres viven por riba das súas posibilidades; os ricos, pola contra, teñen que emigrar!