"O alumnado segue tendo os estereotipos de xénero moi interiorizados, e hai que intervir nisto"

A psicóloga Iria Docampo ten observado nas aulas que os avances do feminismo coexisten cun reforzo de certos discursos reaccionarios que banalizan a violencia de xénero.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A nivel lexislativo producíronse avances en materia de igualdade no eido educativo, mais segue habendo unha carencia de recusos oficiais para que o profesorado poida traballar de xeito transversal co seu alumnado temas relacionados coa violencia de xénero ou cos modelos de masculinidade. Iria Docampo, psicóloga e máster en orientación educativa, sinala a necesidade de dotar os rapaces adolescentes de ferramentas para desaprender unha masculinidade asentada sobre condutas patriarcais. Neste sentido, elaborou unha proposta de avaliación e intervención para a Educación Secundaria Obrigatoria que ten como obxectivo desartellar os estereotipos de xénero e camiñar cara a modelos de conduta máis saudables e igualitarios. 

A psicóloga Iria Docampo
A psicóloga Iria Docampo | Fonte: remitida

Que te impulsou a desenvolver este proxecto para desaprender as masculinidades?

Tanto na miña experiencia laboral, impartindo programas de diversas temáticas en centros de primaira e secundaria, como durante o máster en formación do profesorado, fixen unhas observacións moi similares. O alumnado segue a presentar estereotipos de xénero moi interiorizados e condutas violentas que non recoñecen como tal. Tamén puiden observar como se distribúe o alumnado na aula, e normalmente os rapaces son os que están nos lugares centrais e non só interveñen máis senón que mesmo interrompen as rapazas. Este uso diferente dos espazos tamén se ve moi ben no patio, no que os rapaces ocupan o campo de xogo, normalmente para o fútbol, mentres que as rapazas están ao redor falando, paseando ou comendo. Por outra parte, en todos os centros educativos se ve como hai progamas de diversas temáticas como condutas aditivas, sexualidade ou desenvolvemento sostible, pero son tratadas de xeito illado e veñen impartidas por organismos externos. Non se fai unha análise das necesidades do centro, non se tratan estas temáticas de xeito transversal ás materias e non se analiza que efectividade teñen sobre o alumnado. 

Que carencias observaches a nivel de recusos e formación do profesorado?

A LOMLOE establece a aprendizaxe da igualdade, a prevención da violencia de xénero e a visibilidade da diversidade afectivo-sexual como parte dos contidos curriculares; pero para que esta lexislación se cumpra, a administración ten que poñer recusos a disposición, dende formación do profesorado ata programas. Os que hai agora mesmo, como o Plan Proxecta, tratan diferentes arestas do sistema patriarcal, pero unha vez máis, de xeito illado. No caso da formación, esta é voluntaria e non hai unha avaliación sobre a traslación real dos contidos aprendidos á práctica diaria do profesorado. O que pasa nos centros moitas veces é que, aínda que hai inicativas interesantes, caen no voluntarismo. Non existe unha oferta de recusos para que todo o profesorado os utilice e integre a igualdade como parte dos contidos. Os recursos, polo tanto, son insuficientes polo de agora e non garanten nada. 

A túa proposta de intervención está orientada a Educación Secundaria. Por que decidiches centrarte nesas idades?

Estes contidos deben ser incorporados desde primeira socialización, pero tamén é verdade que na adolescencia, que é unha etapa na que se define a identidade e a presion social cobra gran importancia, desenvólvese o que se coñece como pensamento formal, aquel que nos permite saír no inmediato e pensar no posible. Grazas a isto podemos empezar a pensar no que queremos ser e analizar se disto que somos no presente queremos modificar algo. Na adolescencia podes ter vontade de deconstruír certas aprendizaxes interiorizadas. Ademais, as adolescentes hoxe en día non chegan á Educación Secundaria cos estereotipos de xénero desaprendidos, polo que é necesario intervir aí para que cheguen a adultas formando parte dunha sociedade máis igualitaria que elas mesmas van construír.

Ante o avance do feminismo xorde unha reacción por parte das masculinidades hexemónicas. Isto vese nas aulas?

O movemento feminista dotounas a elas dun alto grao de concienciación. Neles os avances son moito máis lentos e hai estudos como o barometro 'Juventud y genero' que incluso encontra certo retroceso. Un 10% dos rapaces nega existencia de desigualdades. Si que se ve que os avances evidentes coexisten con certo retroceso nos rapaces. 

Como resposta?

É posible. Escoitándoos ves como reproducen este discurso do medo, do xa non se pode dicir facer ou dicir nada, porque un home polo feito de ser home vai ser xulgado de maneira máis dura pola xustiza. Reprodúcense discursos de certos partidos políticos que mesmo escoitarán nas súas casas, e que noutras epocas anteriores non se expresaban porque non había esta normalización da banalización da violencia de xénero. Cando se fai explícita a necesidade dunha protección cara as mulleres, aparece un pensamento que antes tamén estaba pero que agora se di en alto, e é que non é necesaria unha actuación fronte á violencia de xénero porque non existe tal desigualdade. 

É a escola un espazo que reforza as masculinidades hexemónicas?

A escola é un dos principais lugares de socialización das crianzas. O alumnado pasa mínimo 6 horas no centro escolar. Ademais, na adolescencia os referentes son os teus compañeiros da mesma idade. Non creo que reforce, pero si reproduce. A escola é un sistema aberto cara á sociedade, e aberto bidireccionalmente. Isto dá a esperanza de que podemos construír unha sociedade diferente desde a escola, pero para iso temos que estar concienciadas de que sociedade queremos construír desde fóra dela. 

E como reaccionan os rapaces aos temas sobre igualdade. Camiñan os rapaces cara a unha nova masculinidade?

Vense certos avances pero os cambios que se observan son máis no superficial, non van á raíz do problema, non cuestionan o marco de valores que fai este tipo de violencias machistas posibles. Nunha empresa podemos ver un alto cargo masculino que xa non fai comentarios misóxinos, pero séguese encontrando que quen está no alto cargo é home. Na escola igual. O alumnado condena os discursos que normalizan a violencia física, pero as violencias seguen presentes. Dito doutro xeito, a punta do iceberg é condenada, pero o resto de condutas, pensamentos e estereotipos que a fan posible non son identificados. Pode que hai dez anos se escoitase a un rapaz dicir que os homes teñen que ter sempre un frigorífico de reservas de mulleres coas que se poden liar. Hoxe, isto non se di, pero a conduta segue sendo tratar as mullere como obxecto. 

Que cambios urxen máis? Como facemos que a escola eduque noutras masculinidades diferentes?

Hai que facer moito. Hai que intervir no uso dos espazos e da linguaxe. Hai que facer unha visibilización das profesións libre de estereotipos sexistas para interntar acabar coas autolimitacións que presentan tanto rapaces como rapazas, en base incluso a argumentos de carácter biolóxico, do tipo de que as mulleres son as que deben coidar porque son as que dan vida. Tamén hai que abordar temas como a conciliación familiar, a paternidade e a maternidade, e a importancia social dos coidados. As expectativas de cara ao futuro para os homes non pasan por pensar no tempo que vou dedicar aos traballos do fogar e de coidados, esa parte da vida nin a formulan. As mulleres si. E isto autolimita de cara a elixir o futuro académico e profesional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pardo de Cela

Moi bo traballo, Iria. Queda moito camiño que andar e xente coma ti é moi necesaria. Ben por GC por darlle voz a discursos construtivos.