Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2022 | Actualizada ás 11:21
Galicia arrincará este luns, día 26 de setembro, unha nova onda de inmunización contra a covid-19. Farao, como en ocasións anteriores, comezando pola poboación máis vulnerable, aquela que vive nas residencias e centros sociosanitarios. Serán unhas 21.000 persoas as que se inmunizarán en total nun período que Sanidade calcula dunhas dúas semanas, dentro dun proceso que, neste caso, non se fará por orde de idade, se non por centro, e que avanzará de forma simultánea en residencias das catro provincias.
Con posterioridade, no mes de outubro, a Consellería de Sanidade arrincará unha segunda fase da administración desta cuarta dose na que, entón si, comezará a citar por idade, arrincando no colectivo de máis de 80 anos.
Tanto para o grupo de maiores de 80 como para o seguinte --de 60 a 80 anos, xa que non está sobre a mesa vacinar a persoas de menos idade-- empregaranse os grandes recintos de vacinación, coñecidos como 'vacinódromos', xa que, segundo dixo no seu momento o conselleiro, Julio García Comesaña, dotan de máis comodidade e axilidade o proceso, á vez que facilitan cuestións loxísticas da propia vacina.
En todo caso, García Comesaña tamén garantiu que todas as persoas que non poidan desprazarse a estes recintos, contarán cunha "repesca", nesta ocasión nos centros de saúde. 400.000 DOSE
Segundo confirmaron a Europa Press fontes da Consellería de Sanidade, Galicia dispón nestes momentos de 400.000 doses de vacina para a cuarta dose contra a covid-19, que inclúen dúas variantes de ómicron (BA4 e BA5). Así mesmo, como novidade, nesta ocasión simultanearase o reforzo da covid coa inmunización contra a gripe, algo que arrincará xa o luns nas residencias e se trasladará logo aos 'vacinódromos'.
Segundo apuntou a Xunta, isto non implica adiantar o inicio da campaña estacional contra a gripe, que empezará formalmente en outubro, senón unicamente que aquelas persoas citadas para inmunizarse contra a covid e que así o desexen, poidan recibir nun mesmo acto sanitario as dúas picadas.
No caso da citación para poboación en xeral, fontes sanitarias lembraron que a cuarta dose da covid abarcará, polo momento, ata os 60 anos --excepto persoas inmunodeprimidas--, mentres que a poboación diana da gripe, ademais das persoas de colectivos específicos, arrinca nos 65 anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.