O Sergas habilita un novo teléfono de custo básico para xestionar citas médicas

Trátase do 981 952 950 para atención á cidadanía, así como doutros números de prefixo xeográfico para as diferentes provincias galegas: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2022 | Actualizada ás 10:56

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde vén de habilitar un teléfono de prefixo xeográfico (981 952 950). Ata agora, esta administración dispoñía unicamente de liñas de tarificación especial con prefixo 902 para xestionar as citas médicas nos centros de saúde e solicitar asistencia sanitaria. Tras unha reclamación presentada por FACUA Galicia, o Sergas habilita aogra estoutro teléfono de tarificación básica para este mesmo fin. 

Sala de espera do Sergas. XUNTA - Archivo
Sala de espera do Sergas. XUNTA - Archivo

Na súa aplicación móbil, o Sergas ofrecía ao usuario unicamente a liña de alto custo 902 508 686 orientada a anular as citas ou cambialas de data. Así mesmo, na súa web, facilitaba só o 902 077 333 para pedir cita médica nos centros de saúde de atención primaria, xestionar citas hospitalarias e solicitar atención sanitaria telefónica.

A asociación enviou senllos escritos ao Sergas e ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia nos que pedía que se eliminasen os teléfonos de tarificación especial, xa que a propia normativa obriga as empresas que ofrecen servizos básicos de interese xeral a dispor de numeracións gratuítas e ao resto de empresas ou organismos a facilitar liñas móbiles ou fixas con prefixo xeográfico.

O TELÉFONO 902 SEGUE OPERATIVO

Agora, na súa páxina web principal xa non aparece a liña 902. No seu lugar, o Sergas habilitou o teléfono de tarificación básica 981 952 950 para atención á cidadanía, así como outros números de prefixo xeográfico para as diferentes provincias galegas: A Coruña (981 952 950), Lugo (982 269 893), Ourense (988 398 350) e Pontevedra (986 806 350).

Con todo, a asociación FACUA asegura que na web do Sergas correspondente á Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte aínda aparece o 902 077 333 como teléfono único de atención á cidadanía. Ademais, esta liña de tarificación especial aínda está operativa, polo que dende FACUA Galicia volven reiterar a súa petición de eliminar de forma definitiva a mencionada liña.

A asociación lembra que "as liñas 901 e 902 supoñen un encarecemento inxustificado da factura da cidadanía", e insiste na necesidade de que as distintas administracións cambien estes teléfonos por outros gratuítos, os 900 ou 800, ou de prefixo xeográfico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta