A Xunta convocará un novo concurso para catedráticos de Música tras anular o TSXG o anterior proceso

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Xunta fará unha nova convocatoria de catedráticos de música se hai que cubrir necesidades, pero non se prevé inmediata. Así, a Consellería de Educación lembrou este luns, tras ratificar o Boletín Oficial do Estado a anulación do nomeamento de case medio centenar de catedráticos de música e artes escénicas na Comunidade, por mor dunha sentenza xudicial, que a convocatoria impugnada foi previamente negociada cos representantes dos traballadores "dun modo similar a outras comunidades onde non se anularon".

A Consllería considera que a execución da sentenza xa está finalizada, aínda que apunta que existen algúns incidentes de execución pendentes da decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Na maior parte dos casos, a execución da sentenza implicou que a persoa afectada recuperase o seu destino definitivo anterior no corpo de profesores de música e artes escénicas nos conservatorios profesionais de música, sen prexuízo de que algúns deles, a través do concurso de destinos provisionais para 2022-2023 accedese, durante este curso, a postos do corpo de profesores de música e artes escénicas nos conservatorios.

Non correrá a lista dos participantes no proceso para dar cátedra aos seguintes e, aínda que haberá unha nova convocatoria para cubrir as necesidades que poidan existir neste corpo de catedráticos de música e de artes escénicas, a Xunta apunta que "non se prevé que sexa inmediata".

Finalmente, Educación insiste en que a sentenza executada, do TSXG, é firme; pero tamén lembra que recentemente o Tribunal Constitucional ditou outra sentenza sobre un procedemento "practicamente idéntico" da que se entende "que o procedemento da convocatoria galega sería o correcto".

Violoncelo e piano / MPM - Arquivo / Europa Press
Violoncelo e piano / MPM - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta