A Xunta conxelará, pero non suprimirá, as peaxes de autoestradas autonómicas en 2023

Di que é para "axudar á economía das familias".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2022 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia conxelará en 2023 as peaxes nas autoestradas de titularidade autonómica que teñen esa taxa, para paliar os efectos da inflacción e "axudar á economía das familias", tal e como avanzou este luns a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez.

Así, durante unha visita á estación de buses de Carballo para supervisar a aplicación do 50 % do desconto nos billetes de bus interurbanos, a conselleira confirmou que o goberno galego reservará nos orzamentos de 2023 entre 4,5 e 5 millóns de euros para "absorver" a subida que experimentarían as peaxes (das autoestradas A Coruña-Carballo e Vigo-Baiona) se se aplicase a actual inflacción "de dous díxitos".

Ethel Vázquez lembrou que xa o ano pasado a Xunta, cunha inflacción do 5 %, decidiu "mitigar" a subida das peaxes neses viarios, aplicando só un incremento do 2,5 %. Agora, cunha inflacción moi superior, cun contexto económico "moito peor", o goberno galego, incidiu, "incrementará o seu esforzo" e "conxelará" as peaxes en 2023.

Deste xeito, recalcou a conselleira, as autoestradas de peaxe autonómicas de Galicia "seguirán sendo das máis baratas de España", e engadiu que xa o goberno galego vén aplicando bonificacións para familias numerosas, viaxeiros recorrentes ou viaxes nocturnas.

Varios vehículos, entre eles coches e camións, circulando por unha autoestrada
Varios vehículos, entre eles coches e camións, circulando por unha autoestrada | Fonte: @TRANSIT

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta