O RC Deportivo da Coruña súmase á 'Alianza galega polo clima'

Formar parte supón asumir as liñas estratéxicas marcadas polo Goberno galego nesta materia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2022 | Actualizada ás 19:37

Comparte esta noticia

A Xunta sumou o Real Club Deportivo da Coruña á 'Alianza galega polo clima' e convértese así no primeiro club de fútbol en adherirse a esta iniciativa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que ten como obxectivo "unir esforzos para situar Galicia á cabeza das rexións europeas na loita contra o cambio climático".

Segundo asegurou a conselleira Ángeles Vázquez, a Xunta como administración ten marcado como obxectivo estratéxico conseguir a neutralidade climática en 2040, 10 anos antes do establecido pola Unión Europea. Así mesmo, destacou que Galicia é unha das tres comunidades que máis diminuíu as súas emisións respecto de 1990. De feito, engadiu, os gases de efecto invernadoiro reducíronse en 2020 nun 35,9% respecto dos datos de hai 30 anos.

Nunha nota de prensa, a Consellería sinalou que a 'Alianza galega polo clima' supón asumir as liñas estratéxicas marcadas polo Goberno galego nesta materia e nunha serie de deberes como establecer accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambiou climático na comunidade, fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica sobre este tema, promover e apoiar a investigación vinculada ao clima e acelerar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.

Así, Ángeles Vázquez incidiu en que "a mitigación do cambio climático é cousa de todos" e trasladou o seu convencemento de que a masa social do Deportivo se vai comprometer, o que suporá "unha forza moi importante" para alcanzar os obxectivos pretendidos.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, na firma do acordo no marco da 'Alianza galega polo clima' co RC Deportivo da Coruña.. XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, na firma do acordo no marco da 'Alianza galega polo clima' co RC Deportivo da Coruña.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta