O grupo Prensa Ibérica podería desnivelar o poder mediatico galego se se fai con El Correo Gallego

O grupo de comunicación dono de Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña quere facerse con esta histórica cabeceira para afianzar a súa posición en Galicia fronte ao grupo Voz. En fronte ten a oferta do congromerado de ACCA Media S. L., Numancia Capital S. L. e Blecua Capital S. L. U, do empresario compostelán José Ramón García, o ex dono de Blusens.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/09/2022 | Actualizada ás 10:19

Comparte esta noticia

Prensa Ibérica ou o congromerado de ACCA Media S. L., Numancia Capital S. L. e Blecua Capital S. L. U. Esas son as únicas opcións que existen para facerse con El Correo Gallego, a histórica cabeceira xornalística de Santiago de Compostela con 144 anos de vida. Dúas ofertas semellantes, pero moi diferentes en canto a intereses xornalísticos.

Distintas cabeceiras de El Correo Gallego
Distintas cabeceiras de El Correo Gallego

O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña declaraba a comezos do verán o concurso de acreedores para  Editorial Compostela, propietaria do xornal El Correo Gallego, despois de que a editora entrase en insolvencia cunha débeda acumulada de 20 millóns de euros.

Desde entón foron varias as ofertas que estiveron enriba da mesa pero, finalmente, só dúas competirán por facerse con El Correo Gallego, a de Prensa Ibérica, grupo empresarial propiedade do catalán Francisco Javier Moll de Miguel. Ten 33 xornais autonómicos ou provinciais, catro xornais deportivos, 12 revistas, tres radios, tres televisións, sete portais temáticos, dúas productoras e unha editorial.

En conxunto, este grupo ten 2,4 millóns de lectores diarios, o que representa o 26,6% da audiencia total, segundo o EGM, e move millóns de euros en negocio. En Galicia, o grupo xa posúe dous xornais, Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña. O seu interese é agora, facerse con El Correo Gallego para facerlle sombra ao poder mediatico que La Voz de Galicia ten no país.

A outra oferta xurdiu tras unirse varias empresas do mundo da comunicación e da tecnoloxía. Trátase do congromerado de ACCA Media S. L., Numancia Capital S. L. e Blecua Capital S. L. U., liderada polo empresario compostelán José Ramón García, de Acca Media.  De feito, o seu nome estivo xa nos intensos rumores de venda do xornal no verán de 2020. 

A relación de  García con El Correo Gallego ven de lonxe. Acca Media está domiciliada desde o 2019 no número 10 de la calle Polonia, no Polígono de Costa Vella, en Santiago de Compostela. A mesma ubicación á que se trasladou El Correo Gallego en 2017, tras abandonar a súa histórica sede en O Preguntorio, no centro do casco vello de Compostela. De feito, é a oferta preferida do director actual do xornal, que tamén é dono de parte do grupo, José Manuel Rey Nóvoa.

ASUNTOS XUDICIAIS

José Ramón García tamén está involucrado en asuntos penais. O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela decretaba o pasado novembro a apertura de xuízo oral contra o fundador de Blusens e outros oito acusados por un delito contra a propiedade intelectual polo caso do seu receptor que facilitaba o acceso a contido 'pirata'. 

Pola súa banda, Luis Enrique Dueñas, empresario madrileño, é dono de Blecua Capital. Tamén ten participacións en 26 sociedades diferentes e, ademais, é presidente de Mercadeuda, dedicada á compra de dereitos de cobro de empresas que se atopan en liquidación.

Este empresario tamén está salpicado por temas xudiciais. O seu nome aparece en multitude de ocasións no sumario da Operación Titella, que investiga unha suposta macroestafa que pivota ao redor da figura de José Luís Moreno.

 

LA VOZ

Quen queda definitivamente fóra deste proceso é o grupo Voz, do empresario Santiago Rey Fernández-Latorre. Este grupo, que sopesou seriamente puxar pola histórica cabeceira, decidiu, finalmente, non entrar no proceso. Nun dos seus últimos Consellos de Administración houbo posicións a favor e en contra e, finalmente, impúxose a decisión de non puxar por unha cabeceira que é competencia coa edición en papel que a propia Voz de Galicia ten en Santiago.

Entre os argumentos esgrimidos polos defensores de facerse con El Correo estaba, precisamente, evitar que outros grandes competidores, nomeadamente Prensa Ibérica, poida facerse con ela e ser un contrapeso mediatico importante ao grupo Voz na provincia da Coruña e no conxunto de Galicia. Actualmente, Prensa Ibérica ten unha gran influencia na provincia de Pontevedra, a través de Faro de Vigo, e tenta rabuñarlle tamén certo poder a La Voz na propia cidade da Coruña con La Opinión de A Coruña. Se se fai con El Correo Gallego, podería tamén loitar por unha gran tarta do mercado publicitario galego, ademais, de minar a influencia mediatica que La Voz ten en A Coruña, especialmente, na capital galega, onde está a sede da Xunta.

Pero, finalmente, esta postura non foi a maioritaria. As decisións que máis pesaron no acordo final de non competir con Prensa Ibérica foron varias. Entre elas, ter unha gran delegación en Compostela con máis de 20 traballadores que impediría asumir moitos máis traballadores de El Correo e loitar por unha cabeceira que dá perdas e que está en papel, cando a influencia dos xornais en papel e o mercado xornalístico en papel está xa á baixa, superado moi de longo polas edicións dixitais dos grupos mediaticos tradicionais e os novos medios de comunicación, nacidos xa na rede.

OFERTAS

Queda por saber que vai pasar cos 61 traballadores que quedan na actualidade en El Correo Gallego. Un dos grupos ofertantes,o de ACCA Media S. L., Numancia Capital S. L. e Blecua Capital S. L. U. di que se constituiría unha sociedade que asumiría 25 postos de traballo, ademais do persoal que agora está a prestar servizos a través dunha empresa de traballo temporal (ETT).

A outra oferta, a de Prensa Ibérica, sinala na súa oferta que se subrogarían 20 traballadores de persoal e 8 dos da empresa de traballo temporal.

El Correo Gallego, que no ano 2016 contaba con 154 traballadores, ten na actualidade 46 en persoal e 14 contratados a través da ETT, segundo a documentación da Administración concursal.. A 31 de marzo deste ano, o balance indicaba unha débeda a longo prazo de 3.722.995 euros e, a curto prazo, de 16.283.189 euros. Ten, por tanto, unha débeda acumulada de 20 millóns.

Agora, a decisión final será dun administrador concursal nomeado pola xuíza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

1 Gamela

O Grupo Prensa Ibérica vive da promoción e especulación urbanística ! Así que se se fan coa cabeceira veredes o rápido que medran as vivendas libres e os pisos turísticos en Santiago ! http://gamela00.blogspot.com/2015/0...

1 Ferroviario

Gamela imaxina - moi inxenuamente- que a cabeceira de ECG tería uns " suporpoderes" que estaría moi lonxe de ter. Se non hai mercado para as " vivendas libres" ou " pisos turísticos" xa podería a cabecerra de ECG dicir o que fora, que sería igual. Un cánsase de correxir tanta ixenuidade e tanto pensar que o mundo é tan sinxel.

2 Gamela

Boa idea... pero cando levas case 12 anos lendo no Faro de Vigo as marabillas que ofrecerá o chamado Barrio do Cura... que aínda no se comezou a levantar (agás en maqueta!) comprendes que existen medios xornalísticos que viven dos futuribles e apostan polos dividendos das promotoras que os financian na sombra. Claro que cada medio pódese vender a quen queira... o medo é libre ... Saúde

3 Ferroviario

As promotoras non financian os periódicos " na sombra", senón moi directamente, a través de anuncios e propaganda. Pero penso que ECG quedouse sen oco en Santiago, e non sei se haberá moitos que queiran resucitar cadáveres. Hoxe hai unha oferta inmensa de inmobles en internet, e o papel dos periódicos neso quedouse algo pasado. Saudiños.

4 Gamela

Para aclararnos: os novos propietarios de ECG terán que decidir con quen están e ao servizo de quen traballan... Nos 15 anos que levamos falando do Barrio do Cura en Vigo, ningún medio local tivo a valentía de falar tan claro como este artigo de "elsaltodiario" (evidentemente a xente de Vigo non lé esta publicación!) https://www.elsaltodiario.com/espec... Saúde