Un total de 331 persoas faleceron por suicidio no 2021 en Galicia, case unha por día

O aumento é especialmente significativo nas rapazas de menos de 20 anos, e nas décadas dos 30 e os 70 anos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2022 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

Un total de 331 persoas faleceron por suicidio o ano pasado en Galicia, case unha persoa por día, segundo os datos recollidos no informe do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) que vén de facerse público.

Protesta do Movemento Galego de Saúde Mental
Protesta do Movemento Galego de Saúde Mental | Fonte: arquivo

Nel tamén se realiza unha desagregación das cifras por xénero e idade: no caso dos homes, a mortalidade apenas amosa cambios (227 falecementos en 2019; 220 en 2020; e 224 en 2021); mais no caso das mulleres pasouse das 91 mortes en 2019 e 87 mortes no 2020 a unha repunta de ata 107 falecementos no 2021. Este aumento é especialmente significativo nas rapazas de menos de 20 anos, e nas décadas dos 30 e os 70 anos. 

A tendencia móstrase ascendente dende o ano 2018. O Movemento Galego de Saúde Mental

asegura, á espera da publicación dos datos do INE para todo o Estado, que "con toda probabilidade, Galicia seguirá estando por riba da media". Fronte a esta realidade, o Movemento denuncia que o balance do Plan Galego de Prevención do Suicidio aprobado no 2017 é "negativo", ao non contar cun "orzamento e inversión proporcional á magnitude do problema sanitario e social que comporta".

"Son cinco anos perdidos, cinco anos sen escoitar o que a OMS insiste: un plan eficaz vai máis aló do ámbito sanitario, porque os enfoques centrados case exclusivamente no sistema sanitario teñen un impacto limitado na redución das taxas de suicidio", sinalan. Con todo, denuncian, "a Xunta de Galicia publicita no Día Mundial da Prevención do Suicidio deste ano a creación de unidades asistenciais específicas en cada área sanitaria. O mesmo que publicitaran o ano pasado, sen éxito".

Dende o Movemento tamén critican a falta de datos "de calidade, precisos e regulares" no tempo para guiar a acción preventiva. "Cómpre potenciar a investigación nas universidades galegas e os recursos cos que podemos contar", apelan, á vez que reclaman un "equipo profesional contratado" para desenvolver cada unha das sete liñas estratéxicas do Plan Galego de Prevención do Suicidio e para "avaliar o seu grao de adecuación ás liñas recomendadas pola OMS, e o seu grao de execución".

"O suicidio pódese previr", destaca o Movemento. A Organización Mundial da Saúde tamén leva advertindo desde hai anos sobre a necesidade perentoria de accións gubernamentais para a redución das taxas de suicidio. Co horizonte do 2030, a ONU e a OMS traballan na meta da redución dun terzo das mortes por suicidio. "Cantos anos máis imos perder? Cantas persoas? Para cando o inicio rigoroso e sistemático do plan preventivo?", pregúntase o Movemento Galego de Saúde Mental. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta