Galicia ten maioría de mulleres en ensinos relacionados coas artes

Así apunta o informe Ensinos do Ámbito Cultural, documento de traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega que analiza a evolución destes ensinos na última década na comunidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2022 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

A presenza feminina supera amplamente á masculina nos estudos vinculados ás artes e a cultura en Galicia, tal e como reflicte o informe Ensinos do Ámbito Cultural, documento de traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega que analiza a evolución destes ensinos na última década na comunidade.

Así, as mulleres supoñen máis do 90% do alumnado de danza e son maioría nas artes plásticas. A proporción é de sete de cada 10 alumnos dos estudos superiores de artes plásticas e deseño; oito de cada 10 en conservación e restauración e dúas de cada tres matrículas na escola de arte dramática. Mulleres son tamén máis da metade das alumnas nos ensinos de música.

Do mesmo xeito, o informe do observatorio apunta que a presenza feminina é tamén maioritaria entre o alumnado de practicamente todos os ensinos universitarios relacionados coas profesións culturais.

O estudo dedica un apartado a analizar o profesorado, do que asegura que "o aumento experimentado na totalidade dos ensinos do réxime especial nos últimos anos foi proporcionalmente superior no caso das mulleres". Na danza son mulleres o 72,1% dos docentes, en arte dramática, un 56,1%, e en artes plásticas e deseño un 52,3%. En cambio, nos ensinos de música e nas áreas de coñecemento relacionadas cos ensinos culturais das universidades galegas, algo máis da metade do profesorado está composto por homes.

ALZA NAS MATRÍCULAS

Dentro do Bacharelato na modalidade de Artes e de Humanidades, no marco do ensino de réxime xeral, o estudo mostra unha tendencia á alza ininterrompida no últimos dez anos, pasando das 1.322 matrículas no ano 2010, ás 1.761 en 2020. Son 30 os centros que imparten este bacharelato e o 83,3% deles son públicos.

Por outra banda, hai diferenzas notables nas distintas familias de formación profesional que se imparten en 239 centros. A de imaxe e son mostra unha demanda importante por parte do alumnado, especialmente os ciclos formativos relacionados co audiovisual e os espectáculos, que experimentan un crecemento xeral sostido de alumnos nos últimos anos.

No último ano de referencia, o total do alumnado dos ciclos superiores de Imaxe e Son sumaba 1.267 persoas, apunta o estudo. No relativo ás artes gráficas, que tamén contan cunha demanda importante, o alumnado matriculado nos ciclos formativos de grao básico, grao medio e grao superior mostra, en conxunto, unha estabilidade.

Pola súa banda, o ciclo superior de Animación Sociocultural tivo nos últimos cursos unha evolución irregular, oscilando entre 164 e 219 as persoas matriculadas, tal e como conclúe o documento de traballo.

No réxime especial, que abarca a todos os ensinos de artes plásticas e deseño, os estudos de música, danza, arte dramática e o master en ensinos artísticos, hai unha preferencia moi evidente pola música, que conta con 7.914 alumnos no ensino regulado.

Aínda que o estudo revela que existe escasa variación nas cifras, e que segue sendo un estudo público (o 85,3% do alumnado), si que se aprecia un incremento do alumnado nos centros privados.

O informe tamén destaca que o ensino non regulado da música supón o maior número de estudantes, con 14.409 alumnos matriculados no último curso, o que supón un incremento de 20 puntos porcentuais no últimos dez anos.

Pola súa banda, os centros de ensinos regulados de danza contan con 332 alumnos, o 90,5% nos de titularidade pública. A única escola de arte dramática que hai en Galicia, de carácter público, conta con 167 estudantes, un número que se mostrou estable desde 2010.

ENSINO UNIVERSITARIO

Do tres universidades, é da de Vigo a que conta cun maior alumnado matriculado en titulacións relacionadas coas profesións culturais. Concretamente 1.665 de grao e 273 de master.

A carreira con máis estudantes matriculados é a de Belas Artes, con 508, cifra que se mantivo máis ou menos estable desde o curso 2015/2016. A seguinte é a de Tradución e Interpretación, con 453 estudantes matriculados, pero que sufriu un descenso sensible nos últimos anos.

Séguelle a Uiversidad da Coruña, con 1.529 alumnos de grao e 287 de master. Os estudos de Arquitectura (652) e de Comunicación Audiovisual (275) concentran a maior parte da demanda. Destaca nesta universidade o grao de Creación Dixital, Animación e Videoxogos que é a terceira titulación máis demandada no último curso do que se teñen cifras e mostra un crecemento moi importante desde que se oferta.

En último lugar, con 1.514 estudantes de grao e 191 de master, está a Universidade de Santiago de Compostela. A titulación mais popular é Historia da arte, pero as que máis crecen proporcionalmente no últimos seis cursos son o dobre grao de Comunicación Audiovisual e o grao en Lingua e Literatura Galegas.

Teatro Rosalía
Teatro Rosalía | Fonte: Coruña.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta