A Xunta distanciará os negocios de xogos a 300 metros de centros escolares e de rehabilitación

A Xunta presentará a vindeira lei do xogo no Parlamento. O PSdeG eloxia que a Xunta anuncie unha Lei do xogo, pero atribúea a unha iniciativa dos socialistas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/09/2022 | Actualizada ás 13:24

Comparte esta noticia

O Goberno galego deu luz verde á nova lei autonómica de xogo, que ampliará de 150 a 300 metros o radio de distancia mínima que debe haber entre os propios establecementos, así como entre eles e colexios, institutos e centros oficiais de rehabilitación de persoas xogadoras patolóxicas.

Ademais, a nova norma --que será remitida ao Parlamento para que inicie a súa tramitación lexislativa-- permitirá a apertura de novos locais de xogo, ata un máximo de 175 que pode haber en Galicia.

En todo caso, a duración fixada para todas as autorizacións será de 15 anos. Para aqueles locais que teñan licenzas de maior duración, tamén se establece este período de 15 anos desde que entre en vigor a lei.

Son algunhas das claves da nova lei que este xoves recibiu o visto e prace do Consello da Xunta na súa reunión semanal, tras a que compareceu o presidente, Alfonso Rueda, acompañado do vicepresidente segundo, Diego Calvo, para dar conta dos detalles deste texto que entrará en vigor en 2023.

Calvo, quen se estreou nestas roldas de prensa desde que en maio entrou a formar parte do Goberno galego, destacou que a norma nace froito do "dialogo con todos os sectores implicados".

O texto aprobado este xoves en Consello recolle que a Xunta desenvolverá actividades de prevención e sensibilización contra a ludopatía, así como un catálogo de sancións que poden ir desde os 100 aos 100.000 euros, aínda que o límite máximo pode ascender a 600.000 euros "se hai situacións máis agravantes".

A aprobación desta lei por parte do Executivo, prodúcese días antes de que o Parlamento, na sesión plenaria do martes, debata a toma en consideración dunha nova lei de xogo proposta polo PSdeG ante a "incapacidade" da Xunta para actualizar a normativa que estaba en vigor desde 1985.

Máquina comecartos nunha sala de xogos
Máquina comecartos nunha sala de xogos | Fonte: EP- Arquivo

PSDEG

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, eloxiou que a Xunta anunciase unha Lei do xogo, aínda que consideran "arrastrados por unha iniciativa dos socialistas".

Lembra que presentaron unha Proposición de Lei do xogo que será debatida no pleno do Parlamento da próxima semana.

Torrado lamentou a "morneza" da norma anunciada e reclamou "ambición" para avanzar na regulación da actividade. "Se de verdade queren regular o xogo, poden apoiar a Lei que presentará o Grupo Socialista e que estea aprobada en menos dun mes", apuntou Torrado.

Ademais, advertiu que, pola contra, "posporase a regulación ata non se sabe cando e sen saber o que queren debater dun texto do que non se sabe nada".

Así, remarcou que o vindeiro martes "terán a oportunidade de debater a primeira e única proposta de Lei de xogo que o Parlamento viu desde 1985". Nesta liña engadiu que o PP anunciou que iniciará os trámites para unha norma que "non está nin publicada", e que "parece que copia" a estrutura da proposta polo PSdeG pero que "é moito máis lixeira e permisiva".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta