Bioteconoloxía agraria, pode ser o futuro ou a morte da agricultura galega?

Os avances en bioteconoloxía agraria trouxeron millo transxénico resistente á praga da trade. As posibilidades que abre este campo da investigación non están de todo avaliadas, aínda que son moitos os temores e poucas as certezas.

Por Moncho Mariño | Santiago | 07/10/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os procesos biotecnolóxicos na agricultura e gandaría poden ter consecuencias a medio prazo tanto para a produción agrogandeira como na alimentación humana. Existen xa cultivos modificados xeneticamente mais só para consumo animal. No caso español está permitido o cultivo do millo Bt Monsanto 810 cuxa modificación xenética faino resistente ao parasito coñecido como trade. Os agricultores “tradicionais” ven nos produtos agrarios modificados mediante procesos biotecnolóxicos unha forte competencia e organizacións ambientalistas sinalan que aínda falta moita información sobre esta materia.

Gandeiros galegos fórmanse no control mecánico das malas herbas. XUNTA
Gandeiros galegos fórmanse no control mecánico das malas herbas. XUNTA

BIOTECNOLOXÍA

Definir a biotecnoloxía, en concreto a relacionada coa alimentación, non é doado debido ao cruzamento de diferentes tipos de investigacións. Javier Sampedro, do Departamento de Fisioloxía Vexetal, da Facultade de Bioloxía da USC, ve este campo como o lugar onde “se fan modificacións xenéticas de plantas xunto con uso de técnicas moleculares para acelerar procesos de cultivo”, é dicir: “coñecer os xens das plantas para mellorar o seu rendemento”.

Román Santalla de Unións Agrarias (UUAA) sinala que desde a cooperativa onde traballa “non usamos transxénicos”, basicamente polo “debate sobre as desvantaxes económicas,  as modificacións xenéticas poderán traducirse nunha redución de postos de traballo, por tanto resultaría unha produción barata e sen grandes custes”.

A biotecnoloxía non ofrece só desvantaxes, existen avances en canto a protección de cultivos. “Non está demostrado que todas as prácticas biotecnolóxicas sexan inocuas” sinala Fins Eirexas de ADEGA. Aínda así, a biotecnoloxía gardada en laboratorios e áreas especiais, si ofrece seguridade e crea elementos como as vacinas, o último exemplo as inoculadas contra a COVID. “A liña vermella estaría cando os produtos modificados chegan á mesa, fai falta aportar máis estudos para garantir tanto a seguridade alimentaria como a ambiental”.

POSIBLES REPERCUSIÓNS NA AGRICULTURA

Román Santalla falaba de desvantaxes económicas para o actual sistema produtivo se se usan técnicas moito máis avanzadas que as actuais. “O campo está cada vez máis tecnificado, o mesmo as explotacións gandeiras, por tanto nuns anos o agro vai depender máis da man de obra allea”. Esta obra allea, se se cumpren as previsións sobre a falta de relevo xeracional, “viría maioritariamente de terceiros países, porque vivir do campo non é rendible para a xente nova, non hai relevo xeracional pois nos vindeiros anos o 30% dos e das traballadoras do campo estarán xubiladas”.

Javier Sampedro apunta que durante tres décadas non se observaron efectos secundarios alarmantes no consumo de elementos modificados mediante biotecnoloxía. “Isto non quere dicir que poda haber algún elemento prexudicial”. Quizais isto foi o que moveu á UE a crear unha moratoria dos transxénicos entre 1999 e 2003, moratoria que foi declarada “ilegal” pola Organización Mundial do Comercio. “A UE está reprensando o seu regulamento sobre cultivos modificados xeneticamente, creo que nun primeiro momento foi o medo ao descoñecido”.

Á parte disto, outro grande temor é que a industria biotecnolóxica quede en mans dun reducidísimo grupo de empresas. “A biotecnoloxía nin é boa nin é mala, as empresas deste sector fabrican medicinas” sinala Fins Eirexas. En tal caso “cando as empresas biotecnolóxicas falan de avances están buscando rendementos e beneficios económicos, por iso é importante que a alimentación das persoas non quede nas mans dunhas poucas compañías”.

A biotecnoloxía semella unha área multidisciplinar que no caso da agricultura, e tamén da gandería, pode influír moito no futuro destes dous sectores. Segundo algúns pode acabar eliminando a produción tradicional condenando a moitas familias ao desemprego ou non teren futuro no rural. Outras voces apuntan a necesidade de máis estudos sobre posibles efectos tanto beneficiosos como prexudiciais para estar seguros sobre os produtos alimentarios que pasaron pola acción da biotecnoloxía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta