Un punto de inflexión na historia do nacionalismo

A importancia do nacemento do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Setembro de 1982 residiu na súa condición de acontecemento fronteirizo entre dúas épocas da historia do nacionalismo galego contemporáneo. Antes desa data, xa existían diversas organizacións políticas nacionalistas (PSG, UPG, ANPG...) e, posteriormente, tamén se mantiveron vivas outras expresións partidarias (EG, UG, FPG...). Foi na década dos 90 cando se rexistrou unha converxencia orgánica substancialmente diferente ao que se tiña coñecido anteriormente: daquela, o proceso iniciado no outono de 1982 acadou unha dimensión inédita coa presenza activa dun abano plural de colectivos e persoas.

Por Xesús Veiga | Compostela | 03/10/2022

Comparte esta noticia
Entre 1975 e 1982, o nacionalismo galego non foi quen de proxectar nas urnas o seu inequívoco compromiso de ruptura co franquismo e a súa indiscutíbel fortaleza organizativa. A pesar de que no ano 1976 conformouse o Consello de Forzas Políticas Galegas (PSG, UPG, PGSD, MCG e Partido Carlista), as disputas pola hexemonía no seo desa plataforma imposibilitaron a comparecencia electoral desa alianza coa conseguinte fragmentación da oferta ao corpo social galego. Nunca saberemos que tería ocorrido se o CFPG concorrese como tal ás eleccións xerais de 1977 e de 1979. No ámbito da presenza nas institucións parlamentarias estatais, o nacionalismo galego atravesou un longo deserto que só rematou no ano 1996 coa obtención de dous deputados no Congreso por parte do BNG.
 
Neste primeiro período da transición posfranquista, a febleza electoral do nacionalismo foi unha evidencia. A pesar dalgúns éxitos destacados nos primeiros comicios municipais de 1979 (alcaldía da Coruña e presenza significativa nas cidades e nalgunhas vilas referenciais), os resultados rexistrados na primeira cita ao Parlamento galego no remate de 1981 (3 escanos para o Bloque-PSG e 1 para EG) defraudaron as expectativas xeradas nos meses anteriores. Esta minorización institucional propiciou unha reacción defensiva (afirmación prioritaria da propia identidade programática) que dificultou a elaboración de tácticas dirixidas a unha ampliación da influenza existente. O proceso de fundación do BNG representou un punto de inflexión significativo nesa dinámica, a pesar de que, naquel Setembro de 1982, aínda pervivían diferenzas relevantes a respecto do novo marco creado polo Estatuto de Autonomía e seguía pendente a unidade organizativa das distintas ponlas nacionalistas (singularmente coa EG que encabezaba Camilo Nogueira).
 
Nos seus dez primeiros anos de vida, o BNG non conseguiu neutralizar as diverxencias que atravesaban o universo nacionalista (e que mesmo provocaron a escisión do que logo sería a FPG) aínda que si acadou a hexemonía no seo dese espazo electoral (pasou de 1 a 5 deputados no Hórreo entre 1985 e 1989, mentres EG baixaba de 3 a 2). O que proporcionaba a nova organización era unha maior potencialidade integradora das correntes preexistentes: por unha banda, pretendía ir configurando un ideario programático baseado nos denominadores comúns e, ao mesmo tempo, establecía unha inédita estrutura organizativa que permitía combinar a unidade da fronte coa diversidade derivada da presenza de grupos e colectivos que posuían un nivel de autonomía que aseguraba a continuidade da súa identidade.
 
Coa entrada de Unidade Galega nos anos 1994-1995 (e as previas incorporacións do PNG e de Inzar) completouse o camiño iniciado no acto fundacional. A partir dese momento, o BNG viviu unha década chea de acontecementos destacados: "sorpasso" ao PSdG nas eleccións galegas de 1997 e 2001; alcaldías de Vigo, Pontevedra e Ferrol nos comicios locais de 1999 (ademais de compartir o goberno nas cidades de Lugo e Santiago); obtención dun escano no Parlamento europeo nese mesmo ano de 1999; chegada ao goberno da Xunta no 2005 a través dunha coalición co Partido Socialista...
 
Co remate da experiencia do bipartito no ano 2009, agudizouse a confrontación interna que tivo na Asemblea de Amio (xaneiro de 2012) o punto de máxima división e que derivou, como é sabido, no abandono dunha parte do corpo organizado e na conseguinte perda da pluralidade interna previamente conseguida.
 
Teño escrito, nesta mesma páxina, algúns artigos sobre esta última e turbulenta década na historia do BNG e, xa que logo, evito reiterar argumentos que figuran desenvolvidos nos mesmos. En calquera caso, se tivera que sinalar algunha aportación singular desta forza na vida política galega sería o seu modelo organizativo, a mistura ordenada de unidade e diversidade. O paso do tempo demostrou as fortalezas dese formato e, tamén, as dificultades para realizar unha administración acaida do mesmo. Ao cabo, a chave decisiva residiu na vontade e nas habilidades das persoas que actuaron no seo desas estruturas. Algo que xa sabiamos pola experiencia dos partidos tradicionais. Por iso, e a pesar de que, durante moitos anos, existiu a convicción de que a condición necesaria para superar esas eivas herdadas radicaba na estrutura frontista que abandeiraba o BNG, finalmente constatouse que tal premisa non era suficiente.

Beiras, Paco Rodríguez, e outros líderes da UPG e Anova cando estaban xuntos no BNG
Beiras, Paco Rodríguez, e outros líderes da UPG e Anova cando estaban xuntos no BNG | Fonte: www.bng-galiza.org
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.