Educación executará este curso o concurso de méritos de 1.156 prazas

As 147 prazas do extinto corpo de Profesores Técnicos de Formación Profesional deberán esperar ao desenvolvemento normativo estatal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2022 | Actualizada ás 19:45

Comparte esta noticia

Representantes do Goberno galego e das organizacións sindicais que forman parte da mesa sectorial de Educación reuníronse este luns para abordar a oferta de 1.156 prazas en 148 especialidades do concurso de méritos que convocará a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que dirixe Román Rodríguez.

A previsión é executar este proceso ao longo deste curso académico. O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, explicou que a convocatoria da maior parte das prazas publicarase este mes no Diario Oficial de Galicia (DOG).

En todo caso, as 147 prazas do extinto corpo de Profesores Técnicos de Formación Profesional (PTFP) deberán esperar a que o Ministerio de Educación publique a norma de desenvolvemento da nova lei de FP no relativo ao novo corpo que se crea (profesores especialistas en sectores singulares da FP) e ás especialidades do extinto corpo (suprimido pola nova lei de Educación) que se integran no corpo de profesores de Secundaria.

As persoas interesadas terán un prazo de 15 días hábiles computados a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia para presentar as súas solicitudes.

Para ser admitidos no proceso selectivo, os aspirantes deberán posuír e xustificar todos os requisitos xerais e específicos para cada corpo e especialidade que se inclúan na convocatoria. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, que se deberá cubrir na aplicación de oposicións do Portal Educativo. Así mesmo, deberá procederse o pago da taxa correspondente.

As persoas solicitantes deberán cubrir todos os campos habilitados na solicitude, incluíndo o autobaremo, no que deberá indicarse o número de anos e meses que alegue e a aplicación web calculará automaticamente a puntuación que se lle outorga. Así mesmo, indicaranse os méritos de formación (cursos), cuxa puntuación correspondente tamén calculará de maneira automática a aplicación.

No resto dos apartados será o persoal aspirante o que deberá cubrir a puntuación que lle corresponda segundo a nota media que posúa, o número e tipo de titulacións que acredite e as fases de oposición da mesma especialidade do corpo ao que opta superadas nun procedemento selectivo de ingreso a corpos da función pública docente desde o ano 2012.

A selección de docentes será realizada por unha comisión de selección que estará integrada por persoal funcionario da Consellería, que comprobará e baremará os méritos presentados e acreditados debidamente por quen concorran.

FORMACIÓN COMPLEMENTARIA

As persoas que obteñan praza de funcionario a través deste concurso de méritos deberán realizar dúas actividades de formación complementaria.

Por unha banda, un curso de formación en igualdade, prevención e loita contra a violencia de xénero para a obtención do nivel básico de coñecemento regulado no Decreto 70/2017, de 13 de xullo , polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia machista do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra, un curso de formación de lingua de galega de 20 horas de duración, que consistirá nunha formación específica sobre a terminoloxía, os estilos, os aspectos sociolingüísticos e a linguaxe propia da especialidade que lles permita ao persoal funcionario desenvolver correctamente en galego as súas funcións e tarefas.

A convocatoria deste concurso de méritos --remarca a Xunta-- dá resposta ao deber imposto polo Goberno central para conseguir unha taxa de interinidade do 8%, cifra que, defende, "Galicia xa ten e que contrasta coa media do 25% que se estima de media para o conxunto das comunidades autónomas".

De feito, a previsión en Galicia é conseguir unha interinidade do 6% ao final do proceso que desenvolve a Xunta, que se compón de case 4.000 prazas entre as oposicións desearrolladas durante o pasado verán, este concurso de méritos e o concurso-oposición polo sistema transitorio que se realizará no verán de 2023.

MESA DE CARÁCTER INFORMATIVO

Desde a parte sindical, CIG-Ensino incide no carácter informativo da mesa e apunta que está previsto que o prazo de presentación de instancias empece o 18 de outubro para todos os corpos excepto para o antigo corpo de PTFP.

A intervención do sindicato, segundo informou, centrouse en remarcar a súa "absoluta desconformidade" cun sistema de concurso que "non é nin de lonxe o máis adecuado" para o profesorado e máxime se está, como é o caso, "limitado polo Ministerio e que foi publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE) o 13 de abril".

Unha vez informados do proceso, CIG-Ensino tamén manifestou discrepancias en cuestións como a decisión da Xunta relativa a unha proba previa de galego. "A nosa discrepancia non se limita a que consideremos que sexa innecesario facer esta proba. Vemos unha clara discriminación entre o noso idioma e o castelán. Para este último non hai alternativa de exame previo: é preciso ter unha titulación específica", apunta.

Evitar as prazas desertas ou pedir que haxa algunha baremación incorporada de oficio no caso de profesorado con servizos prestados para a Consellería son outras demandas do sindicato.

CUT, pola súa banda, informou de que medio centenar de profesores concentráronse ante a sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), onde tiña lugar a reunión de responsables da Consellería con dirixentes de CIG, CC.OO., ANPE e UXT para pedir "un proceso garantista cun número de prazas suficiente" que "resolva dunha vez" o problema da "temporalidade" e acabe "coa precarización dos docentes".

Clase de secundaria. Foto de arquivo.. GAES
Clase de secundaria. Foto de arquivo.. GAES | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta