Aprobada, só cos votos do PP, a lei para contratar sanitarios sen exame en postos de difícil cobertura

A oposición carga contra a norma e aseguran que é un "parche" que non ataca os problemas reais da sanidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2022 | Actualizada ás 12:52

Comparte esta noticia

O PPdeG, con maioría absoluta no Parlamento galego, aprobou só cos seus votos a lei que permitirá estender a provisión por concurso de méritos ás prazas de difícil cobertura en Atención Primaria, hospitais comarcais e saúde mental, sen necesidade de oposición.

A norma, que defendeu o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, saíu adiante cos votos populares, tras dicir non ás emendas dos dous grupos da oposición, BNG e PSdeG, moi críticos tanto co "fondo" como coa "forma". Fíxoo só unha semana despois de que o proxecto lexislativo iniciase a súa tramitación na Cámara autonómica pola vía de urxencia e por lectura única tamén co único aval dos populares.

Comesaña arrincou o debate da que definiu como unha das reformas normativas "de máis calado" en Atención Primaria en España e esgrimiu que "as razóns" polas que chega á Cámara son "dabondo coñecidas": a "falta" de médicos de familia que "atenaza a sanidade en todo o Estado e máis aló das súas fronteiras" sen "resposta" por parte do Goberno e a aínda máis "extrema" dificultade para cubrir determinadas prazas.

O proxecto de lei contén tres eixos de actuación, empezando pola Atención Primaria, habilitando á Xunta para convocar novos concursos de méritos para o persoal das categorías de facultativos especialista do primeiro nivel asistencial e a de pediatra de primaria. Un segundo eixo ten que ver co persoal facultativo especialista dos hospitais comarcais, posto que o déficit de profesionais especialistas nestes centros urxe, dixo, tomar medidas extraordinarias para "garantir a calidade asistencial e a súa mellora".

Por último, o terceiro eixo é o relativo ao grupo de prazas para as que existe a necesidade de captar persoal, como son os facultativos especialistas en psiquiatría e psicoloxía clínica e o persoal de enfermaría especialista de saúde mental, co que se garantirá que, no ano 2024, todas as novas prazas programadas polo Plan de Saúde Mental da Xunta (un total de 241), estarán efectivamente cubertas e os seus programas asociados funcionando.

PRÓXIMO CHAMAMENTO EN BREVE

Na súa intervención, Comesaña reafirmouse en que era necesario paliar "o deixamento" do Goberno de España e a "extrema dificultade" para a cobertura dalgunhas prazas, ademais de axilizar o procedemento. Isto é, dixo, o que leva á Xunta ao impulso desta normativa igual que previamente se impulsaron outras "medidas propias", por exemplo para Atención Primaria por concurso de médicos.

A Xunta acaba de adxudicar nunha primeira quenda, precisamente, 91 das prazas convocadas de difícil cobertura na Atención Primaria "en destinos que antes era moi difícil cubrir e evitando a dilación de dous anos que suporía unha convocatoria común". "En breves días", confirmou que se fará o chamamento da segunda quenda para as 15 prazas restantes, ata as 106 anunciadas.

O paso, congratulouse o conselleiro, permitiu dotar de prazas fixas de sanitarios a centros como o de Viana do Bolo, que levaba cinco anos sen cobertura, ou en Laza, nesa mesma situación "desde 2012". "Non podemos esperar máis", esgrimiu Comesaña, quen defendeu o paso lexislativo dado polo Executivo autonómico, antes de asegurar que a Xunta recibe "todos os días" consultas doutras comunidades autónomas en relación ao mesmo.

BNG: "É UN MAL PARCHE"

"O nunca visto, temos competencias en sanidade para impulsar propostas propias", ironizou a portavoz do BNG no debate, Montse Prado, quen constatou o rexeitamento da formación nacionalista a esta tanto "no fondo" como "na forma", xa que considera que se trata dun "mal parche" que non se acompaña de "orzamento" nin liquida "os problemas reais" da sanidade.

"É un mal parche que modifica o sistema de acceso, rompe a equidade e consolida os agravios", resumiu a deputada do Bloque, antes de advertir: "Xa lle pode dar a praza á beira de casa a moitos profesionais, que non a van aceptar porque as condicións son inaceptables". E en canto á forma, censurou que os populares opten por sacar unha lei "por lectura única e por tramitación de urxencia" tentando facer ver que hai que facer fronte a "un problema que acaba de xurdir" a pesar de que levan "13 anos" no poder, "a maior parte" co propio Comesaña "en postos directivos".

"Tentan que a realidade non lles estrague o titular, que esta lei é o non vai máis, pero a realidade é que non negociaron con ninguén e que non aceptaron ningunha das alegacións expostas", esgrimiu.

"DÚBIDAS XURÍDICAS"

O parlamentario do PSdeG Julio Torrado, encargado dos asuntos sanitarios no seu grupo, advertiu aos populares que "non todo o malo que pasa no mundo é culpa do Goberno de España desde 2018". E incidiu en que desde "todos" os sectores leva "anos" demandando unha proposta que permita incentivar algunhas prazas, pero advertiu de que esta norma non dá resposta ás necesidades reais da sanidade. "Traen unha proposición non de lei, unha iniciativa que fala de impulsar, que é moi vaga e por trámite de urxencia", afeou, en relación a que se reducen as opcións de debate parlamentario.

En todo caso, ironizou con que "melloraron", xa que no anterior exercicio optaron por unha proposta "moi parecida" --a do concurso de méritos para Atención Primaria-- incluíndoa na lei de medidas que acompañaba aos orzamentos.

Así, o deputado socialista criticou que o Goberno que dirixe Alfonso Rueda "use o Parlamento como un trámite" para cubrir por unha vía de procedemento excepcional e sen oposición postos de traballo dentro do sistema sanitario público. Todo iso, "con moitas alegacións e dúbidas xurídicas" que a Administración "non ten en conta" e sen lexislar "mellorando as condicións de estabilidade e salariais".

Parlamento galego.. XUNTA
Parlamento galego.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta