Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2022 | Actualizada ás 15:13
Marica Campo, María Vitoria Carballo-Calero, Melania Cruz, Música en Compostela, Xosé Manuel Gayoso, Manuel González, Xacarandaina e o programa Conciencia son os galardoados cos Premios da Cultura Galega 2022.
O xurado, presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reuniuse este martes para distinguir aos galardoados nas categorías de Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Culural e Proxección Exterior, respectivamente.
Do xurado tamén formaron parte o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira; o reitor da USC, Antonio López; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuell Quintana Martelo.
Tamén formaron parte profesionais da cultura como Zaza Ceballos, produtora audiovisual e galardoada en 2021; Elena Pardo, directora da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso; e Xosé Eduardo López-Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo.
Con estes galardóns, a Xunta distingue un ano máis a "excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural" da Comunidade galega, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que "enriquecen a realidade e a identidade cultural" de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.