Os suicidios medran entre a mocidade ante unha política de prevención "inefectiva"

As persoas expertas demandan a execución completa do Plan de Prevención do Suicidio aprobado pola Xunta no 2017 e a abordaxe da problemática dende o ámbito social, económico e político.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Un total de 331 persoas faleceron por suicidio o ano pasado en Galicia, case o equivalente a unha morte por día. Este dato supón un incremento do 7,8% respecto do 2020, e é a cifra máis alta desde o ano 2016, cando se produciron 349 suicidios. O informe do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) que recolle estes números é a única fonte de datos oficial sobre as mortes por suicidio, unha realidade que, a pesar do seu enorme impacto social, segue estando invisibilizada e rodeada de estigmas. 

Acto polo día da prevención do suicidio 10 de setembro do 2018 | Movemento Galego da Saúde Mental
Acto polo día da prevención do suicidio 10 de setembro do 2018 | Movemento Galego da Saúde Mental

Segundo este informe, no caso dos homes, a mortalidade apenas amosa cambios (227 falecementos en 2019; 220 en 2020; e 224 en 2021); mais nas mulleres, os suicidios repuntaron ata os 107 no 2021, case un 23% máis ca no ano anterior. A cifra ascende tamén en persoas menores de 20 anos, cunha incidencia destacada nas rapazas. Trátase de datos que debuxan un escenario preocupante pero que son "insuficientes" para coñecer a dimensión real do problema. "Poden estar infraestimados, e ademais sería fundamental coñecer o número e características das tentativas autolíticas, que se estima que poden chegar a unhas 20 por cada morte", explica a psicóloga clínica e voceira do Movemento Galego da Saúde Mental, Rosa Cerqueiro. 

As idades avanzadas, os problemas de saúde, a falta de recursos asistenciais e económicos ou a soidade non desexada poderían ser factores de risco que explicasen que Galicia teña unha maior taxa de casos por 100.000 habitantes (12,28%) que a media estatal (7,79%) e europea (11,93%). Porén, Cerqueiro reitera a necesidade de impulsar investigacións para "converter hipóteses en certezas" e poder desenvolver unha prevención do suicidio "precisa, de calidade" e abordada non só dende o eido sanitario senón tamén dende perspectivas sociais, políticas e económicas.

"HIPOTECANDO" O FUTURO DA MOCIDADE

A falta deses datos máis precisos, Cerqueiro advirte do especial impacto que están a ter os problemas de saúde mental na mocidade: "Estamos hipotecando o futuro de xeracións. A pouco que mires a experiencia en urxencias, Atención Primaria e unidades de saúde mental, todos chegamos á mesma conclusión: aumenta o número e gravidade dos problemas, ansiedade e depresión, tentativas autolíticas, autolesións, problemas alimentarios... nunha mocidade que está moi tensionada". Ante isto, apela, "hai que intervir precozmente porque é a única garantía dunha boa evolución".

José Eduardo Rodríguez, psicólogo na Unidade de Prevención de Suicidios de Vigo, coincide nesta observación. "O perfil maioritario de persoas que atendemos é o de rapazas de entre 16 e 25 anos, onde están moi presente as autolesións e as tentativas de suicidio; e isto require dunha reflexión social en profundidade: nós somos importantes pero ten que haber outros moitos axentes intervindo", apela. A esta Unidade de Prevención chegan casos graves ou moi graves que inician un programa intensivo durante seis meses cun equipo conformado por persoal de psicoloxía, enfermaría especializada en saúde mental e psiquiatría.

O balance, di, é satisfactorio. No ano e medio de vida que ten esta Unidade atenderon un total de 250 persoas, cada semana aceptan entre tres e catro novos ingresos e prodúcense outras tantas altas. Cunhas 90 persoas activas no programa como máximo, a sensación, explica Rodríguez, "é que axudamos a moita xente que atravesaba situacións moi límite". Porque o suicidio, remarca, pode previrse. "Hai fontes de axuda e é importante trasladar unha mensaxe de esperanza", ao tempo que cómpre demandar, engade Cerqueiro, un compromiso "firme e real" das administracións para impulsar unha política "eficaz" na prevención do suicidio. 

ATENCIÓN EN PRECARIO

Dende o Movemento Galego de Saúde Mental reclaman, neste sentido, a execución do Plan de Prevención do Suicidio que a Xunta de Galicia aprobou no ano 2017 e que, cinco anos despois, "non conta cun orzamento e inversión proporcional á magnitude do problema que comporta". Cerqueiro denuncia a "falta de memorias de seguimento" que analicen "obxectivo por obxectivo" o grao de cumprimento do plan e os seus resultados. "Nin sequera o mínimo, que é ter unha Unidade de Prevención do Suicidio en cada área, está cuberto", a falta de implantarse en Pontevedra e Santiago. 

A isto engádese a "escaseza" de profesionais que sofren os servizos de saúde mental na sanidade pública, resultado "dunha política de recursos humanos nos últimos dez anos en condicións precarias e temporais", explica Cerqueiro. As listas de agarda a finais do 2021 alcanzaban as 10.000 persoas, con tempos de espera tan só para a primeira cita que oscilan entre os tres e os seis meses. A axuda, en moitas ocasións "escasa" e que non dá cobertura ás necesidades do paciente, provoca que moitas persoas rematen nas Unidades de Prevención do Suicidio. "O obxectivo fundamental de atender as persoas precozmente para evitar a cronificación do problema non se cumpre. O sistema faise totalmente inefectivo", sinala a psicóloga.

MÁIS ALÁ DO ÁMBITO SANITARIO

Esta situación aumenta as desigualdades de acceso á atención psicolóxica, de maneira que para as persoas con menos recursos económicos, a saúde mental pode chegar a converterse nun luxo. José Eduardo Rodríguez explica que o suicidio se trata dun acto de moita complexidade que non pode vincularse cunha soa causa. "Cada persoa sofre por cuestións diferentes, mesmo en función da etapa vital. Na adolescencia a fonte principal de sufrimento adoitan ser cuestións interpersoais, nas idades medias o ámbito laboral, e na vellez a perda de funcións ou enfermidades".

Ademais, o suicidio non pode entenderse como un fenómeno alleo á clase, ao xénero e aos distintos eixos de opresión que operan na sociedade. "A falta de oportunidades socioeconómicas, a precarización laboral e da vivenda, as incertezas sobre as condicións de vida máis básicas son factores de risco do suicidio", explica Cerqueiro. Por iso, unha política eficaz de prevención do suicidio "non se cingue exclusivamente ao ámbito sanitario, senón que require unha intervención multinivel e multisectorial, onde educación, servizos sociais, economía, sanidade... se coordinen nas medidas". "É fundamental e non se está facendo", denuncia a psicóloga.

"Os movementos antisuicidas máis eficaces fainos a clase política, por exemplo, cando dá alternativas laborais ou cando lexisla a favor da igualdade", engade Rodríguez, que asegura que o avance do feminismo reduce os suicidios tanto nas mulleres coma nos homes. "Todas aquelas situacións sociais que fan sufrir as mulleres son potencialmente factor de risco suicida, e todas aquelas medidas sociais que dan saída a ese sufrimento son a mellor forma de prevención". A amortiguación do sufrimento xeral da sociedade é unha tarefa "comunitaria" que require, polo tanto, da implicación coordinada de moitos actores.

Tamén as familias e amizades que forman parte da contorna dunha persoa que expresa unha idea suicida poden resultar un apoio fundalmental na prevención. "Facer unha escoita activa e sen prexuízos, acompañala, darlle esperanza e animala a acudir ao médico de Atención Primaria, a urxencias ou aos recursos necesarios" son xeitos de protexer unha persoa que atravesa unha situación de dificultade. "Cómpre normalizar o feito de falar e buscar apoios", expón Cerqueiro. O 024 é a liña de atención á conduta suicida. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta