O xuízo do Alvia marca o pleno: Rueda defende que a Xunta quere "xustiza", entre críticas do BNG

Ana Pontón carga contra o "veto" do PPdeG e do PSdeG a que a Cámara autonómica "investigue o máis terrible accidente ferroviario".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2022 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

A segunda sesión do pleno que se celebra no Parlamento de Galicia arrincou marcada polo inicio, este mesmo mércores, do xuízo polo accidente ferroviario máis grave da democracia española: o do tren Alvia que hai nove anos e máis de dous meses provocou 80 mortos e 145 feridos no barrio compostelán de Angrois.

Tras unha primeira intervención do portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, na sesión de control ao presidente, Alfonso Rueda, na que non fixo ningunha referencia ao xuízo, a portavoz do BNG, Ana Pontón, arrincou a súa primeira quenda de debate cunha mensaxe de "apoio e solidariedade" ás vítimas, "aínda á espera de coñecer a verdade e recibir xustiza" nove anos despois.

Ao tempo, cargou contra o "veto" do PPdeG e do PSdeG a que a Cámara autonómica "investigue o máis terrible accidente ferroviario" que se viviu en Galicia, e afeou que os exministros de Fomento Ana Pastor (PP) e José Blanco (PSOE) "non asumisen as súas responsabilidades".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control do Parlamento galego.. DAVID CABEZÓN/XUNTA / Europa Press
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control do Parlamento galego.. DAVID CABEZÓN/XUNTA / Europa Press

Pontón remarcou os avances que se produciron no ámbito europeo grazas ao labor das vítimas e "da man" da súa eurodeputada Ana Miranda, antes de garantir que o Bloque "sempre vai estar" cos afectados, así como coas súas demandas de "xustiza e reparación". En fronte, situou a unha Xunta máis preocupada por "tapar" o ocurido que por "coñecer a verdade".

"ESTAMOS A DESEXAR QUE SE FAGA XUSTIZA"

Pola súa banda, Rueda respondeu á portavoz nacionalista que tanto el como o seu Executivo non desexan outra cousa máis que "que se faga xustiza". "Estamos a desexar que se faga xustiza", subliñou, á vez que reivindicou o "esforzo" de investir un millón de euros para a organización do xuízo, co único obxectivo de que "saia ben".

Máis aló diso, reprochou ao Bloque que utilice o sinistro ferroviario para "facer política partidista", ao que Pontón respondeu que "política partidista" é "vetar" a comisión de investigación ou que Pastor "manobrase" para tratar de impedir que se publicase o informe da Axencia Ferroviaria Europea crítico coa investigación oficial realizada por España sobre o sinistro do Alvia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta