Colapso nas urxencias do CHUS con pacientes graves esperando nos corredores

A Asociación de Pacientes denuncia que os pacientes que nesta data estaban ingresados nese hospital foron trasladados ao de Conxo para evitar novas contratacións.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 06/10/2022 | Actualizada ás 20:42

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes enviou un comunicado no que anuncia que o díá 6 de outubro ás 17:00 horas o servizo de urxencias estaba alarmantemente colapsado con 19 pacientes graves coados nos corredores de acceso e adxacentes e 35 pacientes con ingreso asinado pendentes de ocupar unha cama en planta. Esta situación produciuse tamén os días 14 de xullo, con 17 pacientes agardando nos corredores e 30 con ingreso asinado, e o 19 de agosto con 33 pendentes de ingreso e 5 pacientes graves nos corredores de acceso.

CHUS, clínico de Santiago
CHUS, clínico de Santiago | Fonte: Sergas

A Asociación sinala que a xerencia e o coordinador do servizo de urxencias seguen facendo caso omiso das denuncias feitas polo persoal sanitario e pola Asociación de Pacientes e "continúan con esta práctica que vulnera a Lei de Saúde de Galicia, os estándares de calidade do Ministerio de Sanidade e as recomendacións da Valedora do Pobo". Incomprensiblemente, a pesares da demanda existente de camas nas urxencias hospitalarias, desde o 12 de agosto mantéñense pechadas as do hospital Gil Casares.

Aseguran que con esta medida non só se desatenden as necesidades de atención digna nas urxencias senón que ademais, os pacientes que nesta data estaban ingresados nese hospital foron trasladados ao de Conxo para evitar novas contratacións sobrecargando ao persoal de medicina interna que se ve obrigado a atender co mesmo cadro un maior número de pacientes.

As estatísticas oficiais publicadas pola xerencia tampouco xustifican a situación de colapso do servizo de urxencias. Segundo a información oficial publicada no CHUS, nas últimas 24 horas foron atendidas no servizo 488 persoas e o nivel de ocupación das camas era do 51 por 100.

No seu comunicado, a Asociación sinala que os servizos de urxencias seguen a ser utilizados como un almacén de pacientes onde vulneran os seus dereitos fundamentais a intimidade e a dignidade. O seu colapso responde non só a unha incorrecta xestión e inadecuada utilización ética e deontolóxica dos recursos dispoñibles, senón tamén ao feito de que cada vez menos os servizos de atención primaria responden nos tempos adecuados as solicitudes de atención.

Na Asociación de Pacientes din ter coñecemento de que ao longo dos meses de setembro e outubro as demoras para unha cita presencial comezan a facerse cada vez mais amplas. No centro de saúde de Fontiñas a demora está entre 6 e 9 días, no Concepción Arenal en 4 días, no de Vite en 8 días, no do Milladoiro 6 días e nos de Rianxo e Cacheiras, 15 e 10 días, respectivamente.  Todos estes tempos de espera constitúen na práctica unha negación da atención en tempo razoable e un posible agravamento da doenza do paciente que pode desembocar, antes ou despois, nunha atención urxente. 

"A xerencia e o SERGAS, están obrigados a xestionar os recursos dispoñibles atendendo a criterios éticos" sinala a Asociación. Isto supón poñelos a disposición dos pacientes cando se produce a necesidade de atención e dotar de máis medios humanos e materias para que teñan capacidade de resolver as demandas asistenciais en condicións de calidade preservando en todo momento a súa dignidade e intimidade.

Denuncian que o obxectivo dos responsables sanitarios é converter en hábito unha conduta reiterada, facendo con iso que deixe de ser noticia e de chamar a atención. "Como cidadáns que aspiramos a que se manteña o sistema público de saúde, non podemos deixar de denuncialo, pois constitúe unha vulneración sistemática dos nosos dereitos", apuntan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta