Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2022 | Actualizada ás 14:37
O Centro Dramático Galego (CDG) estreará no primeiro trimestre de 2023 a adaptación dos textos de Shakespeare sobre a Roma clásica e a obra 'Un hotel de primeira sobre o río' da autora galega Xohana Torres. Trátase de dúas das apostas do CDG para esta tempada, que se completa coa recentemente estreada no Salón Teatro de Santiago 'Recortes, caneos e outras formas de driblar'.
O director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, fixo balance da actividade do CDG durante a súa intervención este venres na Comisión 4ª de Educación e Cultura, onde respondeu a unha pregunta formulada pola deputada popular Terese Egerique.
A compañía teatral pública de Galicia levou ás táboas este ano un total de sete producións propias, ás que se sumarán nos próximos meses a reflexión sobre o poder en base aos textos de Shakespeare sobre Roma e o clásico da literatura dramática das letras galegas, gañador en 1968 do Premio Castelao.
Deste xeito, a obra de Xohana Torres será levada por primeira vez ás táboas de forma profesional baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro e María Torres. Pola súa banda, o espectáculo sobre Shakespeare contará con catro equipos de dirección distintos, que darán forma a unha obra que será estreada no compostelán Pazo de Fonseca.
Durante a súa intervención, Jacobo Sutil destacou que o CDG, ás portas de cumprir 40 anos da súa fundación en 1984, traballa co obxectivo de "reforzar" a súa vocación de servizo público e de servir de "punta de lanza" da acción exterior das artes escénicas galegas.
Para iso, subliñou "o asentamento" da bolsa de dramaturxia que busca apoiar aos talentos emerxentes, a participación do CDG en proxectos europeos e exhibicións en Portugal, Turquía, Arxentina ou Uruguai, así como o servizo á cidadanía, que constitúe "o eixo central" da súa actividade.
Neste sentido, Jacobo Sutil destacou a organización de pases especiais para as funcións da adaptación de 'A Peste' de Camus adaptadas a persoas con problemas de atención ou de espectro autista, a descentralización das exhibicións ou a articulación de desprazamentos en autobús para acudir ás funcións desde outras localidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.