As claves do Bono Comercio da Xunta para "impulsar o consumo" nas tendas

Poderá descargarse a partir do 24 de outubro e estará operativo ata o 31 de decembro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2022 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia poderá descargarse a partir do 24 de outubro e estará operativo ata o 31 de decembro. Estas axudas, dun importe máximo de 30 euros por usuario, terán de novo formato dixital (código QR) e poderanse descargar a través do móbil na páxina web bonosactivacomercio.gal.

Segundo explicou a Xunta, o importe dos descontos será de 5 euros para compras entre 20 e 30 euros; de 10 euros para compras entre 30 e 50 euros; e de 15 euros para compras superiores a 50 euros.

Na presentación desta nova edición, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou que se trata dunha iniciativa orientada ao comercio de proximidade para "favorecer o consumo no pequeno comercio e para que os propios consumidores teñan un apoio nestes momentos de dificultade no contexto actual".

Así mesmo, avanzou que a partir do próximo xoves 13 de outubro os comercios poderanse adherir a esta edición. "Esperamos que sexa unha medida de activación do comercio nesta tempada de outono, que é unha tempada sempre complicada para o comercio de proximidade, polo que esperamos que sexa un colchón importante", manifestou.

O presidente de Comercio Punto Compostela, José Antonio Seijas, asegurou que este tipo de campañas son "moi boas" para reactivar o comercio e subliñou que "ao ser un tema dixital" tamén conseguen incluír a xente nova que, recoñeceu, "estaba a escapar dos comercios e compra co móbil". "Chégase a un 30% para o cliente, o que é fabuloso para o cliente e para o comerciante", resumiu Seijas.

A Xunta xa puxo en marcha unha primeira edición desta convocatoria o ano pasado, como medida de reactivación do comercio no contexto da pandemia. Este ano, a administración autonómica espera chegar a máis de 160.000 persoas.

O vicepresidente primeiro, Francisco Conde, na presentación do Bono Activa Comercio 2022.. XUNTA
O vicepresidente primeiro, Francisco Conde, na presentación do Bono Activa Comercio 2022.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta