Formoso advirte que a Rueda "se lle van as rendas" do Goberno tras as "dimisións acumuladas"

O secretario xeral do PSdeG fala de áreas sensibles como sanidade e educación.

Por E.P. | Ourense | 07/10/2022 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, observou que ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "vánselle as rendas" do seu goberno tras as dimisións "acumuladas" desde o seu nomeamento en áreas sensibles como sanidade e educación.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en Verín
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en Verín | Fonte: PSdeG.

Nunha visita a Verín, o dirixente socialista referiuse así tras a dimisión do director xeral de FP, José Luís Mira, e a do seu fillo, que era subdirector xeral. Así, criticou a "incerteza" derivada das "constantes dimisións" na administración galega e esixiu "explicacións" ao presidente da Xunta ou ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez.

Esta "lea interna", dixo, "non pode producirse en peor momento" polo inicio do curso, nun "momento histórico" na Formación Profesional polo impulso dunha nova lei ou a maior dotación de fondos do Estado para impulsar a formación dual e homologarse a Europa.

Formoso tamén lembrou as dimisións dos xefes de medicina interna dos principais hospitais galegos e o "intercambio de postos" na xerencia do Sergas de hai apenas dous meses, o cal xera un "clima de descontrol" do presidente que está "a deixar sen funcionar" os servizos públicos en Galicia.

Con motivo desta visita a unha zona do interior afectada polo despoboamento, o líder do PSdeG denunciou que o Executivo galego "retire servizos" públicos do rural, mentres asegura que "aposta pola loita contra o despoboamento" do rural galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta