A Xunta aposta nas "aldeas modelo" para afrontar os "grandes retos" do rural

A rede conta con 21 núcleos aprobados en todo o territorio.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2022 | Actualizada ás 20:17

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural marcou como obxectivo "consolidar a primeira rede de aldeas modelo" na que "se potencian os grandes valores das áreas rurais" e que conta con 21 núcleos aprobados en todo o territorio.

Durante a inauguración da xornada de presentación de resultados do proxecto de aldeas intelixentes celebrada este venres na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o conselleiro José González puxo en valor esta iniciativa e trasladou que o obxectivo é impulsar a recuperación dos núcleos rurais, así como conseguir un territorio rural galego resiliente.

Ademais, o titular de Medio Rural destacou que a rede de aldeas modelo conta con 21 núcleos aprobados, que suman 575 hectáreas recuperadas nunhas 9.300 parcelas de 2.360 propietarios. Así mesmo, detallou a Xunta nun comunicado, González definiu esta rede como a semente do futuro rural, no que haberá "máis oportunidades para todos, máis liberdade de acción de onde e como vivir, e un porvir sustentable para as futuras xeracións".

Nesta mesma liña, insistiu en que as aldeas modelo supoñen unha garantía de seguridade para a poboación que vive nela, xa que, continuou, permiten frear a afectación dos incendios forestais a través da posta en marcha de actividade agrogandeira económica, rendible e sustentable ao redor dos núcleos de poboación.

Así mesmo, o conselleiro remarcou que a Xunta inviste máis de cinco millóns de euros de fondos propios e apuntou que espera incrementar este orzamento con outras fontes de financiamiento, como as vinculadas aos Next Generation ou ao programa FID (Fomento de Innovación desde a Demanda) do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Con esta medida, asegurou que se contribúe a afrontar "grandes retos", como a garantía de digna continuidade do sector primario, a demografía ou o cambio climático. Isto, engadiu, a través de catro liñas principais: o desenvolvemento de servizos rurais, a aplicación de solucións tecnolóxicas para a bioeconomía en aldeas, o impulso definitivo á sustentabilidade e á economía circular da produción agraria e a propia mellora do núcleo rural das aldeas modelo.

O conselleiro do Medio Rural, José González, no acto de inauguración da xornada de presentación de resultados do proxecto de aldeas intelixentes.. XUNTA
O conselleiro do Medio Rural, José González, no acto de inauguración da xornada de presentación de resultados do proxecto de aldeas intelixentes.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta